A primeira convocatoria está a ser un éxito, cun 53% de empresas de entre 10 e menos de 50 empregados da provincia de Pontevedra que xa solicitaron participar
A sede da Zona Franca de Vigo acolleu a presentación do Programa Kit Dixital que proximamente lanzará a segunda convocatoria de axudas dirixida ao segmento II, empresas de entre 3 e menos de 10 traballadores. As empresas que asistiron ao acto, coñeceron todos os detalles da iniciativa do Goberno a través do director xeral de Red.es, Alberto Martínez Lacambra; e o director adxunto corporativo de Red.es, Antonio Saravia. A presentación contou co delegado do Estado na Zona Franca, David Regades; o delegado do Goberno, Jose Miñones; e a presidenta da Deputación, Carmela Silva; ademais de con a colaboración da Federación Provincial de Comercio e da asociación Ineo.
Alberto Martínez Lacambra, explicou que “o obxectivo do Programa Kit Dixital é a dixitalización de empresas e autónomos que teñan menos de 50 empregados. Preténdese mellorar o nivel de madurez dixital dos negocios, para incentivar a produtividade desta parte do tecido empresarial, xa que ese segmento -o dos negocios de menos de 50 empregados- supón o 51% o emprego do país”, sinalou o director xeral de Red.es na súa intervención.
Continuou precisando que “a primeira convocatoria de axudas de Kit Dixital abriuse o pasado 15 de marzo, e nestes tres meses e medio que levamos, facemos unha valoración moi positiva do programa, unha de cada dúas empresas con entre dez e menos de 50 empregados xa pediron a axuda. Trátase dunhas cifras que no contexto de subvencións públicas supoñen un fito histórico”.
“A nivel nacional recibíronse preto de 67.000 solicitudes e concedéronse ao redor de 20.000 axudas de Kit Dixital”, indicou Martínez Lacambra, que continuou sinalando que “na provincia de Pontevedra, en concreto, solicitárono o 53% das empresas do segmento I (pequenas empresas de entre 10 e menos de 50 empregados), e un 30% desas solicitudes xa recibiron o bono dixital”.
O delegado do Estado, David Regades, que agradeceu a confianza de Red.es para presentar o programa Kit Dixital, tamén se mostrou “orgulloso porque é a terceira vez que Zona Franca acolle unha presentación do Programa Kit Dixital, que supón axudas económicas directas do Goberno para pemes e autónomos nun dos principais retos que teñen por diante, que é a dixitalización”.
O delegado do Goberno, José Miñones, cualificou este programa como un “enorme acerto” do Goberno “para a dixitalización das nosas empresas e autónomos”, confirmada polo éxito de convocatoria que está a ter esta primeira fase, á que se presentaron máis da metade das empresas galegas de entre 10 e menos de 50 traballadores. Resaltou a importancia da nova convocatoria en Galicia, onde as micropemes “son as que conforman maioritariamente o mapa empresarial” e chamou a “un futuro optimista” e a “espremer ao máximo esta oportunidade” para que 2022 “sexa o ano de Galicia e das pemes e empresas galegas”.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que “no momento actual hai que avogar pola modernización do ecosistema empresarial, porque apostar pola transformación dixital é o pasaporte para crecer e aumentar a produtividade e garantir o futuro das pemes, eixo central da economía española”.
O director de operacións de INEO, Luís Rey, destacou “o acertado de financiar servizos dixitais que, a priori, poden parecer básicos, como unha web, tenda on-line ou factura electrónica, pero que son imprescindibles para sentar as bases da transformación dixital nas pequenas e micro empresas, que ademais son as que máis o necesitan porque teñen medios económicos moi limitados”.
O presidente da Federación Provincial de Comercio, Iván Iglesias, sinalou que “a dixitalización é a clave para a sinerxia entre o comercio en liña e o comercio presencial, o cal é indispensable para o futuro do pequeno comercio”.
Na xornada tamén contaron a súa experiencia unha empresa que é axente digitalizador, Visual Publinet, e outra empresa beneficiaria do Kit Dixital, Ircavigo.