Hoxe o concelleiro de cultura, Julio Alonso Monteagudo, e a técnica de normalización lingüística, Eva García Rei, presentaron o proxecto APEGO, de dinamización lingüística na primeira infancia.
Trátase dun proxecto colaborativo desenvolvido por doce concellos (A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo), a través dos seus servizos de normalización lingüística, cuxo obxectivo principal é implicar as familias na valoración positiva da lingua propia, incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual
Ante a preocupante situación da adquisición, socialización e uso do galego nas idades máis temperás, doce concellos queren mellorar as cousas a través dun proxecto que é unha aventura conxunta de amor, arraigo, lingua, orgullo, identidade…
Apego é afección, inclinación ou amor por algo ou alguén. Apego é vínculo, sintonía e empatía. O apego é necesario para o desenvolvemento social e emocional, e tamén é fundamental para a lingua
Co proxecto Apego quérense implicar as familias na valoración positiva da lingua propia, e para isto as súas diferentes fases axudarán a tecer redes de apoio para a transmisión do galego como idioma de relación, descuberta do mundo e identificación coa familia e coas raíces, co propio. Así, os obxectivos do programa Apego son, por unha banda, incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e, por outra, promover que o usen de maneira habitual e que teñan espazos, situacións e recursos para facelo, polo que incluirá accións dirixidas ao ámbito familiar e social das crianzas ata os seis anos e cun método de continuidade que se irá enriquecendo en rede, coa colaboración de todos/as.
A imaxe da campaña é un polbo, unha mantiña-apego que, xunto con outros materiais, se lle entregará a todos os bebés que nazan nos concellos participantes para que os acompañe durante os primeiros meses ou anos.
Para socializar o proxecto e as súas mensaxes, difundirase a imaxe da campaña e distribuiranse folletos informativos e carteis coa imaxe do Apego principalmente en centros de saúde, servizos de pediatría, establecementos dedicados a produtos relacionados co embarazo e a crianza, asociacións de apoio á crianza ou adopción, centros maternais, etc.
Dende o departamento de Política Linguística confírmannos que tambien o poden solicitar todas aquelas familias que tiveron o bebé nos primeiros meses deste ano
A acción de arranque do proxecto é a entrega dunha caixa de benvida ás familias que agardan un bebé con materiais para achegar argumentos e materiais de axuda para a transmisión do galego, apoio á crianza, etc. Esta caixa entregaráselles ás familias que van ter un neno ou nena (ben por embarazo, ben por adopción) e que estean empadroadas nalgún dos concellos participantes, e contén os seguintes materiais:
Un boneco-manta apego: é un boneco mantiña suave símbolo da campaña, que personifica o polbiño PO, imaxe e mascota do Apego, e que se converterá no vínculo permanente coa familia, e que acompañará o bebé nos seus primeiros meses ou anos.
Un libro: guía para pais e nais que inclúe razóns para a transmisión da lingua; propostas de nomes en galego e argumentos para elixilos; recomendacións para o inicio da crianza, lactancia, sono, descanso, alimentación, etc.; arrolos, recitados e xogos de dedos; palabras para medrar; etc.
Un álbum de recordos e primeiras experiencias: para gardar as lembranzas máis importantes, divertidas e especiais do primeiro ano de vida do bebé.
Un medidor: para ir seguindo o crecemento do bebé nos primeiros anos.
Un adhesivo para o coche: para que o resto de xente que anda pola estrada ou rúa teña sentidiño.
Unha vez que naza o bebé, ás familias que recolleron a caixa entregaráselles tamén un disco cunha compilación de dez cancións de música infantil en galego de grupos e estilos diversos: María Fumaça, Mamá Cabra, Uxía, Olga Brañas, As Maimiñas, Pablo Díaz, Os Tres TENedORES, Susa Herrera e Pirilampo. O CD está producido pola Editorial Galaxia
Ademais o proxecto dispón dun espazo web para a información e intercambio de recursos de axuda, culturais, educativos e formativos, para crear rede coas familias e que vaian coñecendo as accións e actividades. O seu enderezo é www.apego.gal.
Ademais de todo iso, cada concello irá organizando tamén actividades e obradoiros para diferentes colectivos implicados no programa, coa finalidade de axudar á crianza en galego, de ir tecendo redes de apoio e de facilitar a socialización dos nenos e das nenas en lingua galega. Algunhas desas accións previstas son obradoiros de cantos de berce, obradoiros de xogos de dedos, contacontos e concertos para bebés, xornadas de achegamento de materiais en galego para escolas e ludotecas, etc.
Para máis información pódese contactar co SNL do Concello de Redondela no teléfono 986 400 106 ou a través do correo electrónico normalizacion@redondela.es





