spot_img
InicioVal MiñorBaionaMedio Ambiente adxudica as obras de prolongación do carril bici de Baiona...

Medio Ambiente adxudica as obras de prolongación do carril bici de Baiona por máis de 170.000 euros

Baiona obras carril bici

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de adxudicar o contrato para a prolongación ata o Parador de Baiona do carril bici existente na PO-552 dende a Guarda ata as proximidades desta vila pontevedresa.

As obras foron adxudicadas á empresa Construcións Taboada e Ramos, SL por máis de 170.000 euros (174.603,00 €). As tarefas preparatorias e de replanteo dos traballos realizaranse nas vindeiras semanas, unha vez sexa asinado o contrato de obras, o que permitirá o inicio efectivo das mesmas a principios do verán.

O trazado do novo carril bici, dun quilómetro de lonxitude discorrerá entre o punto quilométrico 16+700 (acceso ao Parador) e o 17+700 (curva do Hotel Rompeolas) da estrada Vigo – Tui (PO-552), e dará continuidade ao carril bici xa rematado entre Baiona e A Guarda que finaliza a aproximadamente 350 metros da entrada ao núcleo de Baiona.

O carril bici terá un ancho de 2 metros, distinguíndose os seguintes subtreitos:

  • Desde p.q. 16+700 (Parador) ao 17+030 (Glorieta), discorre polo treito central da actual Alameda, anexo aos árbores existentes.
  • Desde o p.q. 17+030 (glorieta) ao p.q. 17+700, deséñase polo lado do mar para o que se despraza o eixo da estrada, sendo preciso acondicionar as actuais calzada e beirarrúas, onde existen. Ademais, executaranse novas beirarrúas onde actualmente non existen.

O prazo de execución das obras será de tres meses; non obstante, tentarase acelerar a súa execución de modo que o novo carril bici poida estar dispoñible o antes posible no verán.

Deste xeito, existirá continuidade entre o paseo para bicicletas existente na fronte marítima de Baiona e o executado polo goberno autonómico mediante a obra Itinerario ciclista ao longo da estrada PO-552 entre Baiona e A Guarda, que se finalizou en setembro de 2012.

A Axencia Galega de Infraestruturas adxudicou tamén outras dúas actuacións para o fomento da mobilidade peonil ou ciclista: unha en Ponteceso, para a execución dunha senda peonil desde A Trabe ata Anllóns, e outra no Concello de Foz, de dotación de beirarrúas na LU-162 en Cangas de Foz. En total estas tres sendas requirirán dun investimento próximo aos 600.000 euros, que será financiado nun 80 % con fondos Feder.

Fomento da mobilidade peonil e ciclista
O Goberno autonómico está actualmente a desenvolver diversos programas cos que se pretende favorecer a sostibilidade ambiental, reducindo a utilización dos vehículos privados, tanto mediante o fomento do transporte colectivo ou público coma coa execución de infraestruturas que favorezan a utilización de formas alternativas de transporte, menos contaminantes.

Nos últimos anos, o departamento de Infraestruturas executou varias obras de construción de carrís para uso peonil e ciclista na comarca de Vigo, nas estradas Vigo-Baiona (PO-325) e Baiona – A Guarda (PO-552). Estas actuacións supuxeron xa a posta en servizo de mais de 40 Km de infraestruturas diferenciadas destinadas a favorecer a circulación de peóns e bicicletas, e requiriron dun investimento superior aos 24 M€. A utilidade destas sendas verase complementada coas resultantes da obra que se vén de adxudicar.

Ademais das obras, a Consellería de Medio Ambiente está a traballar na análise das posibles actuacións que faciliten os desprazamentos peonís e ciclistas en sete comarcas, mediante outros tantos contratos que se licitaron nos primeiros días deste ano. Un deles analiza as necesidades nesta materia nas estradas autonómicas da Comarca de Vigo.

O contrato, adxudicado a Eptisa, Servizos de Enxeñería SL, foi asinado recentemente e conta cun prazo de redacción de 12 meses. Comprenderá dúas actuacións diferenciadas: en primeiro lugar, realizarase un estudo inicial de identificación de sendas na comarca de Vigo, no que se analice a situación actual na área de estudo en relación ás sendas peonís e/ou ciclistas e se propoña a realización de actuacións concretas para resolver a problemática que poida detectarse; en segundo lugar, redactaranse os proxectos construtivos que desenvolvan as actuacións identificadas coma necesarias.

A consellería que dirixe Ethel Vázquez aposta por este tipo de actuacións, coas que se facilita a circulación en condicións de maior seguridade para o conxunto dos usuarios e ademais se fomentan comportamentos máis respectuosos co medio ambiente.

Medio Ambiente adxudica as obras de prolongación do carril bici de Baiona por máis de 170.000 euros

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.