En Pontevedra, os Xardíns que Falan volven sacar o seu lado máis reivindicativo co gallo do 50 aniversario do Día Mundial do Medio Ambiente (que se celebra este domingo 5 de xuño) a través dunha espectacular intervención artística e floral realizada na Praza da Ferrería e protagonizada por un enorme globo terráqueo suxeitado por unha man que se lle serve de soporte.
O novo arranxo que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural lle encomendou á firma especializada Troquiña está presidido por un cartel conmemorativo co lema ‘A Terra é quen máis ordena!’ e unha fantástica composición floral cunha enorme variedade de especies: gunnera manicata, salvia nemorosa Blue Queen, hedra, hosta, leptospermun Mesmer Eyes, achillea milefolium Paprika, andrómeda polifolia Nikko, limonium perezii e Rosal de Fairy.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, achegouse esta mañá ata os xardíns de San Francisco, acompañado polo tenente de alcalde, Tino Fernández, e polos edís socialistas Yoya Blanco e Marcos Rey, para supervisar o resultado “dunha das intervencións artísticas máis impresionantes das que se teñen feito no marco do proxecto Xardíns que Falan, impulsado coa finalidade de converter os xardíns da rede Verde Urbano de Pontevedra en espazos dinámicos, comprometidos, reivindicativos, con mensaxe e que conversen coa cidadanía”.




