spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraPontevedra estreará este ano o seu primeiro parque infantil de xogos de...

Pontevedra estreará este ano o seu primeiro parque infantil de xogos de auga na ribeira do Lérez

Pontevedra estreará este ano o seu primeiro parque infantil de xogos de auga na ribeira do LérezA nova área de lecer, que estará situada no parque Rosalía de Castro, completarase coa creación dunha zona deportiva ao aire libre. O proxecto suporá un investimento global de máis de 350.000 €

Pontevedra estreará este ano o seu primeiro parque infantil con xogos de auga na ribeira do río Lérez. A nova área de lecer estará situada no parque Rosalía de Castro, entre o Paseo de Rafael Areses e o Recinto Feiral e suporá un investimento duns 250.000 euros por parte da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. Este proxecto completarase ademais coa creación dunha zona deportiva e de fitness ao aire libre e o axardinamento de todo o contorno, o que se traducirá nunha actuación de máis de 350.000 euros, incluíndo a instalación de modernos sistemas de iluminación e rega e a dotación de mobiliario urbano.

O seu impulsor, o concelleiro Iván Puentes, explica que os terreos “están clasificados como solo urbano e zona verde conforme ao PXOU vixente e non están afectados por Costas”, polo que as obras se poderían poñer en marcha nos vindeiros meses e, unha vez iniciadas, terían un prazo de execución estimado de catro meses. “A miña intención é que en 2021 os nenos pontevedreses poidan estrear o seu primeiro parque de xogos acuáticos, con elementos pensados para diferentes idades, totalmente accesibles e seguros e diversas áreas: unha zona con xogos de texturas de auga suave, outra zona interactiva con chorros e unha terceira con efectos visuais e maior caudal de auga”, asegura o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.

En base ao proxecto deseñado polo xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, tódolos xogos de auga estarán fabricados para ter unha gran durabilidade, resistir condicións ambientais desfavorables e estar preparados para os actos vandálicos, empregándose materiais como o aceiro inoxidable e o cobre, tratándose con pinturas especiais e montándose con parafusos antivandálicos. A impulsión da auga aos xogos realizarase mediante un sistema formado por tres elementos conectados: unha bomba centrífuga, que lle conferirá a enerxía necesaria; un filtro, que terá a función de evitar que os sólidos que poida levar a auga cheguen ao colector de electroválvulas (impedindo que estas se colapsen), e o antedito colector, do que sairán tódalas conducións individuais que chegan aos xogos e distribúen o caudal para cada un deles. As tubarías de presión do circuíto serán de PVC ou material semellante.

Pontevedra estreará este ano o seu primeiro parque infantil de xogos de auga na ribeira do Lérez

Segundo sinala Iván Puentes, “o tratamento da auga levarase a cabo mediante un sistema automático de depuración formado por unha bomba de filtración, un filtro de area e equipos de dosificación, aplicándose un filtrado e unha achega de produtos químicos que garantan que estea en condicións de cloro, PH e limpeza para un baño totalmente seguro”. “Un controlador químico -precisou o edil do PSOE- realizará lecturas da calidade da auga, enviando estas lecturas a un ‘autómata’ e detendo a bomba no caso de que esta non cumpra cos parámetros establecidos”.

Tódolos xogos estarán fabricados segundo a Norma Europea EN1176, con aceiro inoxidable, e dotados dun sistema de protección de pés para evitar que esta parte do corpo poida danarse ao xogar. O parque contará con iluminación LED na mesma área de xogo, con luces embebidas á beira dos chorros de chan, xerando efectos visuais e de espectros de cor.

Circuíto de crossfit e zona de cardio con bicis estáticas e elípticas

A zona deportiva e de fitness formularase como un gran espazo ao aire libre para que a xente adestre no contorno do parque Rosalía de Castro, con equipos inclusivos, un circuíto de cross training con elementos de resistencia axustables (con cadeira de barras, área de pesas magnéticas, aneis…) e outra de cardio con varios modelos de bicicletas fitness: de spinning estáticas, elípticas e de mans, todas elas con diferentes modos de resistencia.

O mobiliario dos espazos verdes cumprirá coas axeitadas especificacións tanto dende o punto de vista da funcionalidade e o confort para os usuarios como do da integración paisaxística co seu contorno. A actuación contempla a incorporación de varias zonas de banco corrido con pés en aceiro galvanizado, e tamén de bancos circulares, todos eles con asento de madeira.

Pontevedra estreará este ano o seu primeiro parque infantil de xogos de auga na ribeira do Lérez

O perímetro do parque de auga será pechado mediante unha malla metálica rematada en cor verde e postes de tubo de aceiro galvanizado dispostos cada dous metros e ancorados con formigón. O pavimento da nova área de lecer realizarase con terrizo de 10 centímetros de espesor, a base de xabre granítico, incorporando ademais unha capa separadora anticontaminante de xeotéxtil de 200 g/m2.

Iván Puentes amosouse “entusiasmado” cun proxecto que dotará a Pontevedra dun parque no que “tódolos elementos de xogo terán a auga como fío condutor, que diversificará oferta de actividades lúdicas e deportivas do concello e que incrementará o valor paisaxístico da ribeira do Lérez no contorno do Pazo de Congresos, incidindo nese obxectivo de que a cidade gañe cada vez máis vida cara o río”. “Por suposto -engade o concelleiro de Desenvolvemento Sostible- o futuro parque de Rosalía de Castro incorporará os novos criteriores de deseño dos parques e xardíns para que se garantan unhas óptimas condicións sanitarias dentro desta nova normalidade xerada pola pandemia da Covid-19”.

- Publicidade -spot_img