Inicio Baixo Miño A Guarda Pontevedra acolle a I Xornada sobre Turismo Mariñeiro e Pescaturismo en Galicia

Pontevedra acolle a I Xornada sobre Turismo Mariñeiro e Pescaturismo en Galicia

Pontevedra acolle a I Xornada sobre Turismo Mariñeiro e Pescaturismo en Galicia35 participantes déronse cita no Pazo da Cultura de Pontevedra e outros 143 seguiron a xornada en streaming 

O pazo da Cultura de Pontevedra acolleu na tarde do xoves a I Xornada Internacional sobre Turismo Mariñeiro e Pescaturismo, o primeiro evento centrado nesta temática que se celebra en Galicia. A xornada, na que participaron diversos profesionais do turismo mariñeiro así como persoal das distintas administracións implicadas no desenvolvemento do mesmo – tanto a nivel autonómico como estatal e europeo-, contou con 35 participantes presenciais, dados os protocolos da Covid-19, e 143 seguidores por streaming. A través das diferentes intervencións mostrouse a potencialidade destas modalidades turísticas e presentáronse diversas experiencias de turismo mariñeiro e pescaturismo.

Ao acto de presentación, a cargo da presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores; asistiron a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana Carballo; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; e o director xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Juan Ignacio Gandarias Serrano. Durante a súa intervención, Vázquez Nores loou a capacidade emprendedora das persoas participantes no proxecto Mar das Illas así como o traballo de cooperación realizado polos tres GALP responsables da iniciativa (Ría de Pontevedra, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda).

O director xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura da Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Juan Ignacio Gandarias Serrano, indicou que “o desenvolvemento da pesca está ligada ao territorio e é a base da sustentabilidade das zonas do litoral”. A maiores fixo fincapé na importancia da diversificación. De feito, segundo explicou, actualmente a nivel estatal existen 36 proxectos de turismo mariñeiro e pescaturismo.

Pola súa parte, a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana Carballo destacou que as experiencias de turismo mariñeiro e pescaturismo aumentan as posibilidades de diversificación turística da nosa comunidade contribuíndo a dinamizar a actividade tanto turística como económica das localidades costeiras. A titular do mar salientou o traballo do proxecto de cooperación Mar das Illas por “abrir novas portas para sentir o mar do futuro, apostando pola cohesión territorial coa capacidade de xerar novas vías de ingresos e mellorar a vida dos mariñeiros das Rías Baixas”. Como apuntou Quintana, as propostas nas que “unen pesca e turismo” teñen moito que ofrecer.

A intervención de Marta Edreira García, coordinadora territorial de FARNET Support Unit, centrouse no proceso de implementación do turismo mariñeiro e pescaturismo a escala europea e o marco normativo existente, incidindo no feito de que só cinco países (Italia, Francia, España, Grecia e Chipre) dispoñen dunha regulamentación que permite o pescaturismo. Tamén explicou as vantaxes destas modalidades turísticas ligadas ás experiencias como son o incremento de emprego e ingresos, o aumento do valor engadido do territorio e do traballo en rede entre axentes locais. Segundo Edreira estas actividades precisan dun marco xurídico que as apoie sendo, ademais, unha boa área temática para a cooperación entre os GALP.

A xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto Zas, debullou os resultados do proxecto Mar das Illas, iniciativa que comezou como unha rede de apoio a profesionais do mar e que medrou a petición dos mesmos profesionais dando lugar a accións formativas, xornadas técnicas, edición de guías e material formativo e unha páxina web. Os datos do éxito do proxecto falan por si mesmos: 178 persoas formadas (case un 40% de mulleres), 21 proxectos titorizados, 6 proxectos piloto xa presentados e unha inversión feita de case 100.000 euros.

A presidenta da Asociación Nacional de Promoción do Turismo Pesqueiro, Gianna Saba, fixo un percorrido pola evolución da pescaturismo en Italia durante os trinta e oito anos que leva funcionando e repasou as  diferentes leis que foron regulando a actividade desde a primeira -que data de 1982- ata a actualidade. Saba considera que esta actividade ten un “gran potencial” por diante. Por iso, co obxectivo de sumar máis proxectos, “nos últimos anos estamos traballando na organización e formación no ámbito empresarial”  Entre as vantaxes que aporta ao territorio, Saba apuntou que tanto a pescaturismo como o ictioturismo “evitan que a xente moza se vexa expulsada do sector, permiten recuperar a memoria histórica dos pescadores e potencian o valor do emprendedor do ámbito pesqueiro na sociedade”. Ademais, constitúen “un dos piares necesarios para o desenvolvemento sostible”, xogando un papel fundamental para a sostibilidade medioambiental e para a posta en valor da biodiversidade cultural.

Na mesma liña que os demais conferenciantes situouse o diretor regional das Pescas da Região Autónoma dos Açores, Luis Manuel Dos Ramos Rodriguez, que ve no pescaturismo e no ictioturismo a fórmula idónea para “revalorizar o patrimonio material e inmaterial da pesca” e considera necesario promover iniciativas que “busquen a protección do mar, a preservación do océano e dos seus recursos e que lle devolvan o mar ás persoas”

A recta final da xornada recolleu os testemuños do fundador e CEO de Pescaturismo Spain, Pepe Martínez, quen fixo un pormenorizado percorrido polas oportunidades que a pescaturismo aporta aos territorios; e da presidenta de AMARCARRIL, Rita Vidal, que explicou o proceso de creación dun proxecto que transmite a historia do marisqueo a pé e das mulleres que o levan a cabo co obxectivo de visibilizar e valorizar este traballo, así como tamén de achegalo ás novas xeracións.

O Presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra, José Manuel Rosas Otero, foi o encargado de clausurar o acto destacando a importancia que tivo a publicación do Real Decreto que establece as condicións para o desenvolvemento da actividade da pescaturismo pero resaltando a necesidade de facer unha revisión do mesmo que “permita o acceso dun maior número de embarcacións á práctica” desta actividade. Segundo Rosas tamén é preciso que desde as institucións “promovan unha regulación autonómica das actividades de pescaturismo e turismo mariñeiro de común acordo co sector pesqueiro da comunidade”. .

A xornada remata hoxe cunha visita guiada ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia na que participan as persoas que acudiron presencialmente ao congreso, integrantes todas elas do proxecto Mar das Illas. A visita deu comezo ás dez da mañá coa saída en barco desde o porto de Cangas a bordo de Naviera Nabia e prolongarase ata pasadas as catro da tarde, cando regresen de novo ao porto. Durante este tempo, Francisco Javier Costa García, patrón maior da Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas e promotor dun dos seis proxectos piloto de Mar das Illas, será o encargado de realizar a visita guiada polo arquipélago das Cíes. Así mesmo, os asistentes poderán gozar do xantar no Restaurante Illas Cíes.

A Xornada

Esta primeira Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pescaturismo foi organizada polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda no marco do proxecto de cooperación Mar das Illas, no que participan os tres GALP, e do que son socios colaboradores o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG), a Federación Provincial de Confrarías de pescadores de Pontevedra e a asociación Mar Seguro de Galicia.

O obxectivo da xornada era, por unha banda ofrecer unha visión do estado das actividades de turismo mariñeiro e pescaturismo a nivel estatal e europeo, achegando exemplos de proxectos que se están a desenvolver, e por outra, poñer de relevo o traballo realizado ao longo de todo o proxecto, visibilizando o camiño percorrido para que sirva de exemplo a outros territorios. O simposio tamén serviu de punto de encontro e debate para as persoas implicadas no desenvolvemento do turismo mariñeiro e a pescaturismo.

O proxecto de cooperación Mar das Illas

O obxectivo deste proxecto é promover a actividade do turismo mariñeiro e a pescaturismo entre o colectivo de mariñeiros nas Rías Baixas de Galicia, especialmente no ámbito do PNMTIAG, a través da súa formación como guías acreditados de turismo mariñeiro no ámbito do Parque Nacional. Esta iniciativa enmárcase na liña de proxectos de cooperación interterritorial e transnacional dos GALP para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020, segundo as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP).

Na actualidade o proxecto está completando a súa terceira fase. No transcurso das distintas fases formáronse 150 profesionais do mar como Guías Acreditados en Turismo Mariñeiro e Pescaturismo no ámbito do Parque Nacional. Ademais elaboráronse distintos manuais de formación, protocolos de actuación e Códigos de Boas Prácticas, e leváronse a cabo diversas xornadas de divulgación, con expertos na materia.

Nesta terceira fase, ademais de cursos de formación, deuse un paso máis realizando titorías personalizadas para todos os profesionais que decidiron emprender na actividade, asesorando en todos os pasos e trámites necesarios para que o proxecto sexa viable.

Dos proxectos presentados tralas titorías elixíronse seis para ensaiar mediante proxectos piloto, tres deles de turismo mariñeiro a pé e outros tres da especialidade de pescaturismo. O obxectivo dos piloto foi ensaiar e avaliar as actividades programadas así como os protocolos establecidos de atención ao público, seguridade, Covid-19, e integración da diversidade funcional (protocolo que foi acordado cos representantes das principais asociacións de diversidade funcional galegas).

Nas vindeiras semanas organizaranse diversas actividades abertas á cidadanía para dar a coñecer os proxectos de turismo mariñeiro.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies