Inicio O Condado Ponteareas presenta a cuarta edición da Feira do Libro

Ponteareas presenta a cuarta edición da Feira do Libro

Ponteareas presenta a cuarta edición da Feira do LibroDo xoves día 9 ao domingo día 12 a Praza Maior acollerá ás escritoras e escritores de máis renome para asinar as súas obras

O goberno de Ponteareas presenta a cuarta edición da Feira do Libro que terá lugar dende o xoves día 9 na Praza Maior, organizada entre o Concello de Ponteareas e a  Federación de Libreiros e Editores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra, Xacobeo 2021 e Xunta de Galicia. A feira abrirá as súas casetas ás 18:00 horas do xoves e ficará aberta ata o domingo, día 12, e contará coa presenza de algúns dos e das autoras máis destacadas do panorama literario galego contemporáneo. Este ano contaremos cun total de cinco casetas participantes.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, salientaron a importancia de retomar a axenda de actos culturais sempre adaptados ás esixencias sanitarias e ás normativas actuais pero mantendo unha ampla oferta de calidade. Para o goberno de Ponteareas a cultura máis ca nunca é necesaria para acompañar e mellorar o día a día das persoas. Iniciativa que ademais da súa importancia cultural favorece a actividade do comercio e da hostalaría.

Nani Regueira da Federación de Libreiros salienta que a celebración da feira é un esforzo pero sobre todo “un esforzo seguro froito de contemplar todas as normativas vixentes e das ganas de todo o sector de facerse visible e volver estar máis preto dos e das lectoras sabendo a importancia vital que tiveron estes meses de confinamento nos que a lectura foi un compañeiro de viaxe”

A feira do libro preséntase este ano baixo o lema “Non contaxian pero enganchan” e así o demostraron os libros que foron os grandes aliados nos tempos de corentena.

As librarías Pedreira, Ledo, Terra, Cortizas e Milfollas ofrecerán nos seus stands descontos do 10 % en tódolos libros.

O concelleiro de Cultura adianta que o responsable do pregón inicial será o escritor e ensaísta Clodio González que se encargará da apertura oficial da feira a partir das 20:00 horas do día 9. Previamente, ás 18 horas Anémona del Río asinará A proba de auga.  A continuación, ás 19 horas Manuel Portas asinará Cadencias e despois do pregón Francisco Castro asinará Tantos anos de silencio.

O venres día 10 a feira abrirá de 13 a 21 horas coa seguinte programación: ás 13 horas Juan J. Prieto asinará a súa obra autoeditada La Sonrisa Eterna e ás 18 horas Manel Monteagudo asinará Camiño á lagoa dos bardos. Ás 19 horas César Lorenzo e Jorge Campos asinarán Atlas de Galicia Pequeniña e ás 20 horas será o turno de Pablo Prado con O derradeiro libro de Emma Olsen. A escritora e editora ponteareá Susana Lamela estará asinando a súa obra Invisibles ás 21 horas.

O sábado día 11 ás 18 horas Carlos da Aira asinará e presentará A guerra era contra nós e unha hora despois Nazaret López estará con Formigas nos pé. Ás 20 horas Isabel Blanco asinará o seu libro La muerte de Marilyn y otros relatos. Ás 21 horas o coñecido fotógrafo Xurxo Lobato asinará a súa obra Galicia é unha festa.

O domingo día 12 Elisabeth Oliveira será a encargada de comezar os actos ás 18 horas coa sinatura da súa obra Náufragos no mar e na terra da editorial Urutau.

Ás 19 horas Roi Vidal asina As máscaras brancas e ás 20 horas Inma López Silva con O libro da filla.

O escritor Manrique Fernández pechará a feira do libro coa sinatura do seu último libro Os anxos indecisos.

Tamén enmarcada na Feira do Libro terá lugar a presentación da versión teatralizada do libro  de Alfonso Pexegueiro Illa das Mulleres Loucas, editado polo Concello de Ponteareas. Será o día 11 no auditorio municipal de Ponteareas.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies