spot_img
InicioCondado ParadantaPonteareas asina con Unicef o convenio que a ratifica como Cidade Amiga...

Ponteareas asina con Unicef o convenio que a ratifica como Cidade Amiga da Infancia

Ponteareas asina con Unicef o convenio que a ratifica como Cidade Amiga da Infancia O acto produciuse durante o pleno infantil, celebrado co gallo do Día Mundial da Infancia e no que se trataron cuestións como o acoso escolar e o uso de espazos públicos na vila

Ponteareas xa é oficialmente Cidade Amiga da Infancia. A alcaldesa Cristina Fernández Davila e a vicepresidenta de Unicef Galicia, Gloria del Río, asinaron este venres o convenio que ratifica o recoñecemento outorgado á vila o pasado mes de xuño e que recolle os compromisos adquiridos polo Concello de Ponteareas para continuar promovendo e impulsando o cumprimento dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes. “É un momento moi importante para nós polo que levamos loitando dende 2016 e que facemos realidade grazas en gran parte a todas e todos vós e á colaboración de todos os centros educativos”, salientou a rexedora.

A sinatura do convenio puxo o broche de ouro ao pleno infantil celebrado este venres co gallo do Día Mundial da Infancia que se conmemora este 20 de novembro e que comezou descubrindo a insignia de Cidade Amiga da Infancia, que estará colocada nos xardíns do Concello. “Parabéns por este recoñecemento, que garante que as vosas voces sexan escoitadas”, asegurou a vicepresidenta de Unicef Galicia.

Esta nova sesión presencial do pleno infantil estivo presidida por Cristina Fernández Davila, que estivo acompañada pola representante de Unicef, polo concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó; pola segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote; pola concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, e por representantes se dez centros educativos de infantil, primaria e secundaria do municipio: CPR Santiago Apóstol, CPR La Inmaculada, CEIP Feliciano Barrera, CEIP Nosa Señora dos Remedios, CEIP Fermín Bouza Brey, CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera, CEIP Santiago de Oliveira, IES Val do Tea, IES Pedra da Auga e IES Barral.

Un dos temas principais do pleno foi o acoso escolar, un dos temas que máis preocupación xera nas aulas e sobre o que é fundamental ter a visión da infancia e mocidade para ve afrontalo, atallalo e previlo. Para iso, o Concello ten en marcha unha enquisa en liña que xa contestaron arredor de 400 escolares e que está arroxando os primeiros datos. “Achéganos información moi interesante, pero tamén preocupante. Por exemplo, o 38% das persoas que responderon din que presenciaron algunha vez unha situación de acoso escolar na súa contorna, o 18% que no seu centro escolar existe bullying e o 5% que hai casos na súa aula. Reflicte claramente que o problema existe”, destacou a rexedora, quen recordou que “toda a información que nos dea esta enquisa unirase ás intervencións feitas no pleno para crear de forma conxunta un plan de acción cunha liña de actuación coa que atenuar e acabar coa problemática”.

Durante o pleno, as rapazas e rapaces participantes tamén fixeron achegas sobre as actuacións realizadas en materia de recuperación do espazo público para as persoas en Ponteareas e deron conta da participación de Juan Vázquez, Sabela Montero e Noela González no IX Foro Infantil Unicef-Parlamento de Galicia.

- Publicidade -spot_img