O Plan Estratéxico de Turismo da Deputación de Pontevedra aposta por ofrecer un destino de múltiples experiencias

aprobado-plan-estratexico-turismo-2020-pontevedra-converter-provincia-nun-destino-sostible-excelente-e-innovadorA Deputación de Pontevedra intensificará neste novo ano 2018 a súa aposta polo turismo sostible, de calidade e desestacionalizador ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo. De feito, a institución provincial xa anunciou a creación produtos específicos e medidas de apoio á comercialización.

Así, a provincia de Pontevedra artellará a súa oferta turística arredor do patrimonio, tendo en conta cales son os produtos turísticos prioritarios do destino. Desta maneira, aproveitarase o feito de que o 2018 é Ano Europeo do Patrimonio Cultural co obxectivo principal de ofrecer un destino multiexperiencial e crear plans de produtos específicos anuais poñendo en valor todos os recursos culturais, paisaxísticos e naturais para así construír unha oferta diferenciada e con capacidade de atracción de diferentes segmentos de demanda. En canto á promoción das Rías Baixas como destino multiexperiencial, esta vaise artellar entorno a sete elementos: o patrimonio, a auga e o mar, a enogastronomía, a arqueoloxía, a natureza, os camiños de Santiago, e os festivais de música.

Máis polo miúdo, en canto ao patrimonio, o Plan Estratéxico de Turismo establece nove liñas diferenciadas: “Patrimonio Fortificado”, para promocionar torres e castelos como Soutomaior, Sobroso, Salvaterra, Cambados e Monterreal; “Patrimonio Arqueolóxico”, cos xacementos galaicos de Santa Trega, Monte do Facho, A Lanzada, Alobre, Castrolandín e Monte de O Castro; “Patrimonio Paisaxístico”, para difundir xardíns como os do Pazo de Rubiáns, Soutomaior, Lourizán, o Xardín Botánico de Caldas de Reis, Pazo de Oca e Quiñones de León; “Patrimonio Literario”, a provincia como fonte de inspiración a través das figuras de Valle Inclán, Emilia Pardo Bazán, María Vinyals e Julio Verne; “Patrimonio Relixioso e Espiritual”, para dar a coñecer o Mosteiro de Carboeiro, a Catedral de Tui, o Mosteiro de Poio, o Mosteiro de Armenteira, o Mosteiro de Acibeiro e o Mosteiro de Oia; “Patrimonio Inmaterial”, mitos, lendas e tradicións da provincia; “Patrimonio Natural”, coa promoción de especies senlleiras e aves; “Patrimonio Etnográfico e Cultural”, para difundir os principais museos da provincia, e “Patrimonio e Mosteiros”, para a cal crearase a ruta dos Mosteiros.

Por outra banda, promocionarase o destino Rías Baixas como auga e mar, posto que o Destino Rías Baixas é moito máis que praias, mar e rías. Tanto na costa como no interior, o patrimonio relacionado co mar e cos ríos é tan amplo e rico que permite crear un produto turístico relacionado coa auga doce e salgada e dirixido a diferentes públicos obxectivos. Tamén, posto que os recursos enolóxicos e gastronómicos da provincia de Pontevedra son de alta calidade e recoñecidos internacionalmente e xa que son numerosas as Festas de Interese Turístico galego dedicadas aos produtos alimentarios e vitivinícolas, crearanse experiencias enogastronómicas na provincia cos produtos máis salientables. En canto á arqueoloxía, promoveranse diferentes accións arredor dos xacementos arqueolóxicos e das mostras de arte rupestre presentes na provincia e localizadas en excepcionais contornas naturais.

Pola súa parte, a provincia conta cun gran patrimonio natural que xunto cunha oferta aloxativa, especialmente no rural, convértese nun destino idóneo para o descanso, o relax e a práctica de deportes e actividades ao aire libre. Para elo, deseñaranse experiencias turísticas que potencien o interior da provincia. Por último, tamén crearanse ofertas multiexperienciais entorno ao Camiño de Santiago (Camiño de Santiago Enogastronómico, Camiño de Santiago Multicultural e Camiño de Santiago Excelente) e aos festivais musicais (Rías Baixas Fest).

Seguindo esta liña exposta no Plan Estratéxico de Turismo, a Deputación de Pontevedra, coa súa promoción turística, terá o obxectivo de inducir ao viaxeiro a necesidade de adquirir bens e servizos. Neste eido, detectáronse unha falta de empresas que se dediquen á comercialización de produtos e experiencias turísticas no destino, polo que a institución provincial promoverá unha serie de accións encamiñadas ao fomento da comercialización a través dos intermediarios turísticos. En concreto, estas accións consistirán na creación de experiencias e escapadas turísticas de diferente duración baseadas nos segmentos de mercado e produtos prioritarios, o establecemento dunha canle de comercialización a través do sitio web oficial de Turismo de Rías Baixas e, por último, creación da bolsa de contratación “Travel Book Experience” para o fomento da comercialización a través de intermediarios.

Please follow and like us:
Tags:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies