O plan inclúe medidas dirixidas á veciñanza e á propia institución municipal
O pleno municipal de Pazos de Borbén aprobou esta mañá durante unha sesión extraordinaria o seu plan de acción polo clima e a enerxía sostible. Un documento co que o consistorio establece as medidas para tomar para conseguir reducir nun 40% o seu gasto enerxético e as emisións de gases de efecto invernadoiro nos próximos 10 anos.
Para a elaboración do devandito plan, enmarcado na estratexia europea de Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, realizouse un diagnóstico do impacto ambiental de todo o municipio, tanto da propia institución municipal como dos residentes. A partir deste estudo elaborouse esta folla de roteiro para mitigar os efectos do cambio climático cun horizonte claro, o ano 2030.
Este plan, un dos primeiros aprobado na provincia, inclúe diversas medidas dentro dos sectores estudados: edificación, transporte, enerxía, auga, residuos, planificación territorial, medio ambiente e biodiversidade, saúde, protección civil e emerxencias.
As accións proxectadas divídense en dous grandes ámbitos, o institucional e o particular. No primeiro establécense medidas como a implantación de sistemas de iluminación de baixo consumo, a xestión eficiente da auga, a procedencia de enerxía eléctrica de fontes renovables, melloras nos sistemas de calefacción e climatización en edificios oficiais.
No ámbito particular destacan medidas como a potenciación de senllas ciclistas e peonís, o fomento de hábitos para a redución do consumo de auga no fogar, o uso de biocombustibles e enerxías renovables, a renovación de vehículos, promover a redución de residuos, así como o fomento da compostaxe e a reciclaxe.
Do mesmo xeito, o documento tamén fala da avaliación dos riscos e vulnerabilidades relativas ao cambio climático no municipio analizando de forma cuantitativa a vulnerabilidade e risco climático por sectores e barrios, con especial atención ao impacto dun dos maiores riscos para a biodiversidade, os incendios forestais.
O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, explicou que “moitas das medidas incluídas neste plan xa estaban en marcha. Fai non moito renovamos a iluminación pública con tecnoloxías de baixo consumo en varios barrios e parroquias, instalamos placas solares no pavillón de deportes e realizamos melloras de climatización na biblioteca municipal. Aínda queda traballo por facer, pero estamos no bo camiño”.
Do mesmo xeito, o edil indicou que “o cambio climático é un reto que abarca a toda a sociedade. Os municipios rurais, que non son tan contaminantes como as grandes cidades, tamén temos que poñer o noso gran de area para combatelo. Sobre todo porque nosa maior riqueza e atractivo é o medio ambiente e unha contorna natural privilexiada que debemos protexer”, finalizou o rexedor.



