Tono Campos e Diego Romero conquistaron o ouro en C2 senior, por diante das piraguas de Polonia e Hungría mentres que Tania Fernández e Tania Álvarez lograron a medalla de prata en K2 na última xornada do mundial de China.
A representación galega no campionato mundial de maratón pecha a súa participación nesta edición 2019 cunha medalla de ouro conseguida pola parella de Tono Campos e Diego Romero na carreira de C2 senior e outra de prata para o tándem de Tania Álvarez e Tania Fernández en K2 senior.
A dupla de Campos e Romero que tomaba a saída ás 2:30 desta madrugada mantívose sempre na cabeza. A partir da terceira volta, lideraron a carreira xunto á embarcación de Polonia, ata o final. Antes do último porteo Campos e Romero aceleraron o ritmo para escaparse dos polacos.
O C2 español cruzaba a liña de meta despois de 01:59:06.33 superando aos seus rivais máis próximos os polacos Zuchora e Burgiel en 00:00:13.4. Os húngaros Laczo e Nagy terminaron na terceira praza. A outra parella participante con representación galega era a de Óscar Graña e o Pedro Areal, que finalizaron nunha meritoria quinta posición.
A outra medalla galega de onte en terras chinesas foi para a deportistas Tania Fernández do Kaiak Tudense e Tania Álvarez do Breogán do Grove.
Así ben, Fernández e Álvarez suman a súa segunda medalla mundialista despois de alcanzar o bronce no pasado mundial de Portugal. Nesta ocasión lideraron a proba nas primeiras voltas xunto á embarcación de Hungría e a outra piragua de España. A vitoria sería para Renata Csay e Zsofia Czellai- Voros que marcaban 01:56:30.22, mentres que Tania Fernández e Tania Álvarez facían 01:56:33.99 para conseguir o subcampeonato mundial, en terceiro lugar cun tempo de 01:56:56.72 cruzaban a liña de meta Irati Osa e Arantxa Toledo.
A última carreira deste campionato tiña na liña de saída a dúas piraguas de clubs galegos. Iván Alonso xunto a Jaime Sobrado lograban a cuarta praza, cruzando a liña de meta a un minuto da parella vencedora de Francia. En quinta posición chegaban os integrantes do Fluvial de Lugo, Miguel Fernández e Julián Becerro



