spot_img
InicioO SalnésOs técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro analizan as árbores do parque...

Os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro analizan as árbores do parque dos Pasales en Meaño

técnicos-Estación-Fitopatolóxica-Areeiro-analiza-árbores-parque-dos-Pasales-MeañoA Estación Fitopatolóxica realiza tamén un tratamento fitosanitario para evitar o picudo nas palmeiras dos xardíns de Lourizán

Os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, acudiron ao parque de Os Pasales no Concello de Meaño para realizar unha análise das súas árbores, que presentan mal estado logo da reforma que se fixo na zona este verán. Tomáronse mostras do solo e das propias plantas que serán estudadas no laboratorio para realizar unha diagnose. O resultado desas análises estará dispoñible a vindeira semana.

O parque de Os Pasales ten dous tipos de árbores de grandes dimensións: plátanos e fresnos. Os primeiros presentan un bo estado, sen embargo os segundos teñen unha aparencia non saudable. A primeira impresión dos técnicos de Areeiro ante este feito é que non se trata dun problema patolóxico xeneralizado, senón dunha cuestión fisiolóxica propia dos fresnos, que coa calor deste verán e co compacto do terreo puideron ter sufrido asfixia. Unha vez se comprobe cal é o seu estado no laboratorio (se utiliza normalmente un trirradar e un resistógrafo) se poderán aplicar os tratamentos máis acaídos. Por teoría, dende Areeiro nunha se recomenda cortar a árbore nin facer unha poda salvo que sexa estritamente preciso.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro realiza este tipo de estudo de árbores nos diferentes concellos da provincia de xeito gratuíto, segundo destacou hoxe o vicepresidente César Mosquera, que eloxiou a profesionalidade dos técnicos provinciais e o seu traballo constante para os gobernos municipais.  De feito, vén de recibirse tamén outra petición de análise de varias árbores moribundas por parte do Concello de Cangas.

Praga de insectos

Por outra banda, na mañá de hoxe os técnicos de Areeiro remataron o tratamento -iniciado o venres- da ducia de palmeiras que hai dentro do xardín provincial do Centro Forestal de Lourizán (a antiga finca de Montero Ríos), que estaban afectadas por unha praga de picudo. Para loitar contra este insecto realizouse una fumigación cun canón de grandes dimensións que alcanza ata 25 metros de altura e tamén funciona en horizontal. Foi preciso o traballo de dous técnicos.

Areeiro tamén se encargará da plantación das árbores das inmediacións do viveiro de empresas do polígono industrial de Barro-Meis. Os exemplares elixidos foron Eleagnus Umbellata, máis coñecidos como ‘olivas de outono’, uns arbustos de grandes dimensións con froitos vermellos moi saborosos e vistosos. O persoal da Estación Fitopatolóxica acudirá ao parque nos vindeiros días, cando estea dispoñible a maquinaria provincial para trasladar a terra necesaria.

- Publicidade -spot_img