Os seis humidais de importancia internacional de Galicia son parada preferente para máis de 26.000 aves acuáticas invernantes.
Así se recolle nunha publicación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sobre os exemplares migratorios que fan a ruta do Atlántico leste, e que cada mes de xaneiro escollen Galicia como morada.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que esta mañá se achegou á lagoa de Vixán de Ribeira co gallo do Día mundial do humidais, salientou a importancia dos humidais galegos, pois a estes, se se lle suman as zonas húmidas e de litoral, “son o acubillo para un total de 124.000 aves que se desprazan milleiros de quilómetros e atopan aquí alimento, refuxio e descanso, antes de retomar a súa ruta”.
O censo Aves acuáticas invernantes en Galicia recompila a información recollida nos últimos 35 anos, concretamente no período 1987-2021, sobre os exemplares que se avistaron, como mínimo nunha ocasión, en 84 puntos galegos.
Defendeu que a celebración de efemérides como o Día mundial dos humidais, que se conmemora cada 2 de febreiro desde 1971 e que este ano por primeira vez se celebra como Día Internacional das Nacións Unidas, pon en valor a importancia do papel vital destas zonas non só para a natureza, senón tamén para as persoas.
Nese sentido, invitou á sociedade galega a sumarse e participar do lema desta edición, Actuar polas zonas húmidas é actuar pola humanidade e pola natureza, apostando pola súa conservación e usándoas de xeito racional e sostible.
Belén do Campo subliñou que Galicia é a cuarta comunidade autónoma de España cun maior número de humidais de importancia internacional incluídos na listaxe Ramsar, os citados seis: a ría do Eo e Ribadeo; o complexo das praias, dunas e lagoas de Corrubedo; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove; a ría de Ortigueira e Ladrido; e o Parque Nacional das Illas Atlánticas, que se engadiu á listaxe en maio de 2021. Ademais, estes espazos forman parte da Rede galega de espazos protexidos.
A modo de exemplo, destacou os valores da lagoa de Vixán, que forma parte do humidal de Corrubedo, cunha superficie de 984 hectáreas e declarado en 1993, que ten como peculiaridade o feito de ser colindante coa illa de Sálvora e forma parte do último destes espazos declarado Ramsar en Galicia, o Parque Nacional das Illas Atlánticas.