O delegado do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, foi o invitado do Xantar Tribuna organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia. Na súa intervención, Regades quixo facer balance da súa xestión, agora que a institución cumpre 75 anos, e mirar cara ao futuro na conferencia co título Perspectivas 2020-2030
O presidente do Círculo, Manuel Rodríguez, encargado de dar a benvida aos asistentes á Tribuna, puxo en valor a efeméride e o papel de Regades á fronte da ZFV. “Está a marcar un fito, porque non só cumpre cos seus obxectivos en Vigo e a súa área económica, senón que busca en toda Galicia oportunidades e proxectos”. Así mesmo, destacou que os datos avalan a súa xestión. “Demostra a evolución da institución cara ao mundo en disrupción. As cifras aválanlle e conta no seu haber novas iniciativas como abrir a Zona Franca a Galicia da nosa man, a do Círculo de Empresarios”.
No evento participaron tamén o presidente do Círculo, Manuel Rodríguez, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e entre os asistentes estiveron ademais o Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o bispo de Tui-Vigo, Luís Quinteiro.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que introduciu a intervención de David Regades, afirmou que “Vigo é tanto como sexan as empresas que a conforman, porque a economía é o corazón desta cidade”. “A economía de Vigo é unha economía de éxito”, dixo, e nesta puxanza destacou a contribución da Zona Franca e o revulsivo que está a supoñer para a economía viguesa e do sur de Galicia a etapa da institución encabezada por Regades. “Nas institucións importa e moito quen está á fronte”, engadiu.
Os proxectos, en cifras
O delegado do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, avanzou “esas cifras e datos” das que falaba o presidente do Círculo na súa intervención, cun investimento en catro anos que supera os 55 millóns de euros, unha cifra de negocio que pasou dos 20,5 millóns de euros en 2018 aos 25,7 en 2021, con “proxectos en marcha que crearán uns 3.000 empregos”.
Regades afirmou que “cando cheguei ao Consorcio, nos polígonos estaban instaladas 660 empresas e hoxe son 705, 45 máis. O emprego alcanzaba os 17.569 e hoxe son un milleiro máis, 18.683, e a facturación desas compañías pasou de 7.804 millóns de euros a 9.348”. Facendo un símil co mundo empresarial, afirmou: “se isto fose un Consello de Administración falando do balance destes catro anos, as cifras falan por si soas”.
Plisan e Porto do Molle, os grandes motores
Entre os proxectos xeradores de emprego, destacou a posta en marcha da Plisan, en Salvaterra-As Neves, onde xa se instalou Albo, con potencial para crear 500 empregos, Beta Implants, que pasará de 29 a 200 traballadores, e a biofarmacéutica Lonza con 200 empregados. “En total na Plisan instalaranse de forma inmediata medio milleiro de traballadores, aínda que o potencial é doutros 500, cun compromiso de investimento destas empresas de 233 millóns”.
Así mesmo, Regades avanzou o crecemento nos mesmos termos de emprego de Porto do Molle, onde se ultima a construción de 14 novas naves para pemes, que albergarán novas empresas e 200 traballadores. Tamén mencionou o desenvolvemento da figura do leasing industrial, con grandes proxectos en automoción, a aposta polo centro de negocios en López Moura ou o World Car Center.
Gran aposta polo chan empresarial
Na súa intervención, destacou o papel do CZFV como gran dinamizador económico e social “Este ano é especial para Zona Franca porque Vigo ten, desde hai 75 anos, unha vantaxe diferencial fronte a outros territorios: unha institución que traballa só e exclusivamente a favor do benestar e do crecemento económico da súa área. En Vigo, unha de cada catro persoas desempeña o seu traballo nunha instalación de Zona Franca. Promovemos 8 millóns de metros cadrados de chan industrial en seis parques empresariais”, afirmou.
Así mesmo, o delegado do Estado no CZFV compartiu cos presentes os catro plans presentados aos fondos do Plan de Recuperación e Resiliencia do Goberno, dos cales tres xa están en marcha: a planta de hidróxeno verde de Bouzas, o proxecto do vehículo eléctrico e conectado V2X e a planta de semiconductores fotónicos.
A súa conferencia detallou ademais todos os servizos que presta Zona Franca desde as súas aceleradoras de empresas, incubadoras, servizos de internacionalización, a gran referencia do servizo de información ARDÁN e as accións con Marca Vigo.
Tamén fixo balance de Vigo Activo, a sociedade de capital risco, cun patrimonio neto que aumentou desde 2018 en 8 millóns (de 17 a 25) e cunha carteira de investimentos de 11 a 16 millóns.
Por último, David Regades destacou o papel social de Zona Franca, avanzando ademais a celebración dun gran congreso económico con motivo do 75 aniversario. “Traballamos desde a innovación para apoiar o desenvolvemento da área de Vigo, pero tamén para apoiar á sociedade. Zona Franca é unha potente ferramenta e anímovos a utilizala”, indicou.




