spot_img
InicioPontevedra e ÁreaOs Premios Provinciais á Xuventude 2019 tamén premiarán ao deseño e a...

Os Premios Provinciais á Xuventude 2019 tamén premiarán ao deseño e a moda

Os Premios Provinciais á Xuventude 2019 tamén premiarán ao deseño e a modaA edición deste 2019 dos Premios Provinciais á Xuventude amplía as súas categorías para galardoar ao deseño e a moda

A Deputación de Pontevedra publicará no Boletín Oficial da Provincia da vindeira semana as bases dunha nova edición dos Premios Provinciais á Xuventude, aos que se poden presentar mozas e mozos da provincia con idades comprendidas entre os 15 e 35 anos. “Falamos duns premios que teñen a capacidade de poñer en valor o talento e converter en accións as ideas innovadoras da mocidade”, destacou a presidenta Carmela Silva.

A presidenta da Deputación informou que con respecto ás anteriores edicións dos premios, este ano a novidade principal “é que incrementamos unha categoría ás xa existentes, engadindo a de “deseño e moda” e pasando así de 7 a 8 modalidades”. Esta novidade, segundo Silva, nace pola posición pioneira da provincia neste eido xa que “somos unha grande potencia en deseño e moda e queremos promover esta actividade económica para que poida seguir tendo moito futuro”.

Máis polo miúdo, as oito modalidades que compoñen a terceira edición dos Premios Provinciais á Xuventude son iniciativa social, empresarial, contido dixital, educación en valores, traballo musical, literario, fotografía orixinal e deseño e moda. “Cada unha destas modalidades terán premios en metálico para que a mocidade se dote de recursos para seguir impulsando os seus proxectos e ideas”, destacou a presidenta provincial.

Os III Premios Provincias á Xuventude están dirixidos a mozas e mozos de entre 15 e 35 anos. No caso da modalidade de educación en valores, está dirixida aos centros de educación secundaria da provincia de Pontevedra en cuxos proxectos participen alumnas e alumnos con idades comprendidas entre os 12 e 18 anos. En calquera caso, o prazo de presentación de solicitudes será de tres meses a partir da publicación da convocatoria dos premios.

A presidenta da Deputación recordou que o ano pasado presentáronse ata 70 candidaturas das cales 26 enmarcáronse en fotografía orixinal, 16 en traballo literario, 6 en musical, 4 na modalidade de educación en valores, 6 en blogs, 5 en iniciativa empresarial e outras 5 candidaturas para iniciativa social.  “Estes datos, que estou segura que este ano serán aínda mellores, poñen de manifesto que de talento e potencial na nosa provincia imos sobradas e sobrados”.

- Publicidade -spot_img