O Concello de Soutomaior acábase de sumar á campaña “Unha árbore por Europa”, a través da plantación de varios exemplares en colaboración cos alumnos de todos os centros de educación pública do municipio.
A iniciativa xorde da petición do Parlamento Europeo aos concellos participantes de plantar, polo menos, unha árbore en cada localidade e conmemorar o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente.
Para estas plantacións o Concello adquiriu sete árbores que foron colocados en diversos puntos do municipio xa que non todos os centros dispoñían do espazo apropiado nas súas instalacións. Así, acompañados por técnicos municipais, os alumnos da Escola Infantil de Romariz plantaron un no xardín traseiro da Casa do Concello e os da galiña azul fixérono no Peirao de Arcade. Do mesmo xeito, os alumnos do IES Soutomaior e do CEIP Padin Truiteiro fixérono nos seus propios centros. A campaña “Unha árbore por Europa” ten como obxectivo promover a sustentabilidade local a través dos mozos potenciando neles conceptos de desenvolvemento sostible, de respecto polo medio ambiente e de conciencia global. Trata de salientar na necesidade urxente de tomar accións concretas para realizar unha correcta transición ecolóxica e poder combater a emerxencia climática mediante accións locais que supoñan un cambio a nivel global.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, participou nas plantacións acompañando aos alumnos e destacou o apoio da mocidade do municipio nesta clase de iniciativas. “Dá gusto ver a implicación e a cantidade de coñecementos que os mozos posúen sobre todo o relativo ao medio ambiente. Iso demostra o importantes que son estes programas de concienciación”, finalizou o rexedor.



