♦A reportaxe de Carlos Méixome foi publicada no nº15 da revista e é a segunda parte dun especial dedicado á Emigración Galega a América.
O de mestre é oficio de serodio recoñecemento. Primeiro porque o obxecto do maxisterio carece do desenvolvemento vital preciso, segundo porque a colleita é tardía. Só o tempo nos alerta e nos permite intuír a sombra esvaecida daquel mestre ou daquela profesora nas nosas decisións, actitudes ou valores. O matinar acudíame cando me falaban de don Eladio persoas que xa reviraran a vida, polo que estaban lonxe de entusiasmos excesivos.
Procuraremos seguirlle o rastro ao mestre de Borreiros (Gondomar), que exerceu nesta parroquia ata a súa xubilación en 1946. Ficou unido a esta escola, mais tamén a unha das de fundación de máis farturento percorrido, a promovida pola emigración miñorá dende as beiras do Plata a través da Unión Hispano Americana pro Valle Miñor (UHAP-VM), da que foi director dende o momento auroral, maio de 1909, ata o seu cese fulminante, setembro de 1923.
Breves notas biográficas
Nado, en 1885, en Ourense. O relato familiar fálanos de estudos de Farmacia que mudou polos de Maxisterio, dos que se titulou na Normal de Valladolid. Exerceu como interino en Montederramo e en San Cibrao de Viñas. Na altura do seu matrimonio con Mª del Carmen Tizón Aguiar, de abastada familia fidalga, procedente do pazo dos Tizón, ou de Eiras, nesta parroquia do San Amaro, o “ilustrado profesor de instrucción primaria” estaba empregado no goberno civil. Concorreu, en 1907, ás oposicións e exerceu en Salceda de Caselas. En 1909, o ano no que se incorporou á escola miñorá, realizou as probas para escolas dotadas.
O matrimonio tivo nove fillos. Ambos faleceron no pazo. Ela, en 1961; el, en 1965. Deixaba don Eladio unha manchea de amizades no Val que facían intuír “una nutrida asistencia” ao funeral en San Bieito de Gondomar.
A carreira profesional
Despois dos anos iniciais que sinalamos, seica lle andou a furar o caletre a aventura americana; mesmo tiña a pasaxe adquirida. Coutouno unha oferta de traballo: dirixir a escola da UHAP-VM.
Estableceuse no Val, e aquí exerceu 37 dos 44 anos de profesión. Catorce na escola «Pro Valle Miñor»; o resto na de Borreiros, á que se incorporou en febreiro de 1924.
Cesado na «Pro Valle», durante a ditadura de Primo desenvolveu unha intensa actividade política e mesmo, transitoriamente, a función de secretario municipal de Gondomar, e os cargos de concelleiro e tenente de alcalde. Polas mañás atendía a escola, polas tardes na casa, na procura de ingresos extra para manter a extensa prole, preparaba a cativada para se examinar en Vigo, nos xesuítas, en Artes e Oficios ou máis tarde, no Santa Irene.
A República non afastou a don Eladio da intervención sociopolítica, agora vinculado ao Partido Radical de Lerroux, dende o que influíu no devir miñorán, en especial de Gondomar, onde Nieto Virostra, do mesmo partido, exerceu a alcaldía.
Os sublevados en 1936 non molestaron a Ferreiro; ben ao contrario, demandaron o seu apoio, pero soubo rexeitar os cargos que lle ofreceron con boas palabras e lóxicas desculpas e mantívose afastado da intervención política.
Unha aproximación ideolóxica
Que saibamos, con anterioridade á ditadura, don Eladio, non participara na vida política. Debeuse formar na lectura de Joaquín Costa, quen participara activamente na Institución Libre de Enseñanza (ILE) e estaba moi unido a Giner de los Ríos. Neste ambiente temos que situar a Eladio Ferreiro, bambeándose entre as propostas renovadoras da ILE, o rexeneracionismo de Costa, o paternalismo de Primo e o republicanismo conservador de Lerroux. En Ferreiro produciuse ademais unha conxunción estelar, en setembro de 1923, mes e ano do golpe de estado e do seu cese como director
As Escolas da UHAVM
Ferreiro foi o artífice da escola que abriu as portas o 4 de maio de 1909 nun edificio alugado situado na estrada Ramallosa-Gondomar. Ao iniciarse o curso de 1910 a matricula tivo que se suspender nos 250 matriculados. Non había sitio para máis. Cumpría un novo edificio.
Tamén desas xestións se encargou Ferreiro, fachendoso dos “altruístas fines de protección a la infancia, de caridad, de progreso y de patriotismo” da UHAP-VM e dos apoios acadados en Madrid polo ex ministro de Facenda Ángel Urzaiz, das achegas de Nigrán e Gondomar e das agardadas de Baiona, a pesar das súas reticencias, enrabiados por non facerse o edificio non en Sabarís.
O director imprimiulle á escola unha liña xeneralista e, en especial, de carácter comercial. Tratábase, en concordancia coa directiva americana, de formar a rapazada para chegar a América coas destrezas básicas que lle permitisen integrarse axiña sen sufrir os desamparos dos pioneiros. De imprimirlle esta dirección arrepentiuse toda a vida segundo o relato oral familiar que a nós nos chegou.
A posta en marcha da escola de nenas en 1919 iniciará unha espiral de enfrontamentos que rematarán co cese de Ferreiro en 1923. Por unha banda, Ferreiro coidaba que había outras prioridades, e pola outra que a directora, Julia Sola, con fortes apoios dentro da Comisión Directiva (CD) alén-mar, se excedera na matricula. Era unha disputa pola dirección das escolas. Ferreiro contaba co apoio do Consello no Val (CV). O enfrontamento, en inicio persoal, tomou dimensión grupal e confrontáronse intereses e desavinzas ideolóxicas. O de América, encabezado por Lemos; e o de aquí encabezado polo abastado gondomarés, valedor do mestre, Manuel Losada Carrera. A dimisión deste último como delegado da CD precipita a confrontación. A chegada de Lemos ao Val en 1920, non minguou as tensións. En febreiro de 1921, a CD pratense envía unha nota ao CV miñorán queixándose do autoritarismo de Ferreiro e do mal efecto que causa enviando as súas fillas á escola pública de Mañufe. Cesárono, cun mes de soldo.

Visto con ollos de hoxe, pode sorprender a aparente contradición entre o Ferreiro renovador pedagóxico e o Ferreiro politicamente conservador, mesmo proto-fascista da Unión Patriótica, ao que lle chiscan o ollo os mozos falanxistas. Mais temos que situar a súa acción e pensamento no Miñor do arrinque do pasado século, nunha sociedade, a galega, que pretendía modernizarse pero tiña enormes limitacións e a escola precisaba de medios que, ausente o Estado, só os emigrantes podían achegar. Neste contexto temos que entender as anovadoras ideas pedagóxicas de Ferreiro influídas decisivamente pola ILE e o pedagogo Ignacio Ares de Parga, inspirador do modelo educativo da UHAP-VM. Esa aparente contradición pode tamén entenderse con chaves da súa propia “ego historia”, de familia fidalga en declive, que ten que adaptarse a novos….
Podedes ler a reportaxe completa no seguente enlace á Revista:
Texto: Carlos Méixome
Fotos: Arquivo da Emigración Galega / Carlos Máixome / Cousas de






