spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedra“Os Camiños de Laxeiro”, a nova proposta da Deputación de Pontevedra e...

“Os Camiños de Laxeiro”, a nova proposta da Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega das Artes para homenaxear ao creador lalinense

“Os Camiños de Laxeiro”, a nova proposta da Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega das Artes para homenaxear ao creador lalinense
Fundación Laxeiro de Vigo

Os itinerarios percorrerán espazos vinculados á vida e traxectoria do creador nos concellos de Lalín, Vigo e Pontevedra os sábados 7, 21 e 28 de maio

Revista COUSAS DE Nº13

“Os Camiños de Laxeiro” é a nova proposta coa que a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega das Artes homenaxean ao creador lalinense, a quen este 2022 se dedica o Día das Artes Galegas e que consistirá en rutas guiadas por lugares vinculados á vida e a  traxectoria do autor. Serán tres os itinerarios que se celebrarán en maio, o sábado 7 en Lalín, o 21 en Vigo e o día 28 en Pontevedra e estarán guiados polo historiador, arqueólogo e escritor Felipe-Senén López Gómez.

As persoas interesadas nestes roteiros, que contan con 25 prazas cada un, poden apuntarse xa no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal.

As rutas, que comezarán ás 11 horas e terán un percorrido a pé de dúas horas e media, buscan contextualizar ao pintor nos espazos da súa inspiración, lugares de ida e volta para el. Deste xeito, a primeira ruta leva por título O Deza de Laxeiro: “A Romea” e con saída desde o Museo Municipal Ramón María Aller introducirá ás persoas asistentes nos espazos da súa orixe, a casa, a familia, a veciñanza, a escola ou a espesura da fraga de Catasós.

O día 21 coñecerase O Vigo de Laxeiro, onde o artista tivo o seu obradoiro de creación máis concorrido na rúa Príncipe, frecuentaba as tabernas tradicionais e faladoiros dos cafés e haberá unha explicación da obra do autor exposta na Fundación Laxeiro. Por último, a ruta por Pontevedra o sábado 28, titulada “A Boa Vila nos Camiños”, amosará ao público a Pontevedra intelectual, unha cidade moi querida polo artista e na que se visitarán os seus murais do Café Moderno e a súa obra no Museo de Pontevedra. Todos estes, espazos reinterpretados por Laxeiro cunha mitoloxía, xeito propio e certo misterio inconfundible.

- Publicidade -spot_img