spot_img
InicioBaixo MiñoOR.PA.GU. ultima xa os preparativos da 'XIV Festa do Peixe Espada' da...

OR.PA.GU. ultima xa os preparativos da ‘XIV Festa do Peixe Espada’ da Guarda

or-pa-gu-ultima-xa-os-preparativos-da-xiv-festa-do-peixe-espada-da-guardaA Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU) ultima xa os preparativos da Festa do Peixe Espada que este ano chega á súa décimo cuarta edición. A festa, que se celebrará os días 28, 29 e 30 de xullo, terá como marco o porto da Guarda.

Tres días dunha intensa programación pensada para todas as idades, cubrirán unhas xornadas nas que a gastronomía, co peixe espada como protagonista, será un ano máis a actividade principal da festa. Restaurantes da Guarda servirán o peixe espada a través de distintas preparacións que o público poderá degustar desde tres euros.

A programación da XIV Festa do Peixe Espada ten, ademais, outra protagonista: a música. Durante os tres días sucederanse concertos de, por exemplo, a Agrupación Musical da Guarda, cun concerto tributo Rock & Pop, o Coro Fuscalheiro, o Grupo de Acordeóns Mascarelhas, os grupos de gaitas e baile tradicional Lusco e Fusco e a Boalleira, o dj local Diego Wass e a charanga Canto Somos.

No marco da festa, presentarase o II Campionato Galego Inclusivo de Náutico Adaptado que organiza o Club Deportivo Sen Amarras e entregaranse os premios do concurso de carteis e do concurso de relatos ‘Homes e mulleres do mar’, dirixido ao público infantil e xuvenil.

Un pregoeiro de luxo: o Mecalia Atlético Guardés
Para dar o pistoletazo de saída á festa o vindeiro venres día 28, ORPAGU pensou nas integrantes do club de balonmán Mecalia Atlético Guardés. Para a dirección da asociación de palangreiros, representa “unha enorme satisfacción que as nosas campioas aceptasen abrir a nosa festa“, sinalan. “Hai moitos colectivos que, en distintos ámbitos, están a realizar un labor importante no noso pobo e este club é un deles, por iso pensamos nelas”, destacan desde ORPAGU.

Para a celebración da festa, os palangreiros guardeses contan coa colaboración do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, o Concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra.

Todos os días, o público poderá visitar un mercado artesanal, visionar fotografías antigüas da Guarda e, os máis pequenos, poderán gozar de actividades como inchables, obradoiros, pintacaras e photocall.

or-pa-gu-ultima-xa-os-preparativos-da-xiv-festa-do-peixe-espada-da-guarda

- Publicidade -spot_img