spot_img
InicioBaixo MiñoOia estrea tres roteiros sinalizados de sendeirismo de case 20 quilómetros polos...

Oia estrea tres roteiros sinalizados de sendeirismo de case 20 quilómetros polos montes da Valga

Oia estrea tres roteiros sinalizados de sendeirismo de case 20 quilómetros polos montes da ValgaTurismo de Galicia e Concello de Oia acaban de crear tres roteiros de sendeirismo sinalizados, que suman case 20 quilómetros de lonxitude, pola contorna natural dos Montes da Valga.

Dita actuación foi executada a través dun convenio entre ambas administracións cun orzamento de 45.553€ e o 65% foi sufragado polo executivo autonómico ao abeiro da orde de axudas para a mellora das infraestruturas turísticas do presente ano.

Tras o remate dos traballos, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, achegouse co xefe territorial de Presidencia, Ramón Pereiro, ata este municipio do sur pontevedrés e supervisou a actuación coa alcaldesa, Cristina Correa. Durante a visita, a representante autonómica valorou moi positivamente a dotación dun novo recurso turístico en Oia e destacou o “traballo transversal, constante e crecente” da Xunta para poñer en valor as potencialidades dos concellos galegos co obxectivo de “aproveitar todas as posibilidades e sinerxias na xeración de riqueza que ten o turismo e sobre todo aquel configurado de xeito seguro, como o que ofrecemos en Galicia, que é un valor engadido nos tempos actuais”.

A actuación pretende complementar a creación, o pasado ano, da Ruta do Mosteiro, que discorre pola zona da costa deste municipio e que tamén foi financiada por Turismo de Galicia. Nesta ocasión, optouse por completar a rede de sendeirismo deste termo actuando nas súas terras altas e creando tres roteiros nos Montes da Valga conectando o curro que estrea as rapas galegas cada primavera e os lugares de Mabia e Acevedo.

Así, configuráronse tres sendeiros denominados Ruta do Curro da Valga, circular con 4,7 quilómetros de lonxitude; Ruta dos Muíños do Calán, de 6,5 quilómetros; e Ruta dos Montes de Loureza, que é o máis longo, con 7,8 quilómetros, e serve de conexión entre os outros dous roteiros. Todos eles discorren por unha contorna de montaña chea de restos prehistóricos, como mámoas ou petróglifos; elementos de valor arquitectónico ou etnográfico, como o Curro da Valga ou os Muíños do Calán; e espazos de gran interese paisaxístico e natural con determinadas zonas de miradoiro.

Os traballos realizados, orientados principalmente á sinalización de sendeiros preexistentes, consistiron na instalación de máis de 200 paneis, postes, placas, frechas de madeira, sinais de estrada e cubrecontedores.

- Publicidade -spot_img