spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA ocupación hotelera na provincia de Pontevedra en xullo foi dun 84%,...

A ocupación hotelera na provincia de Pontevedra en xullo foi dun 84%, sete puntos máis do previsto

ocupacion-hotelera-na-provincia-pontevedra-xullo-foi-dun-84-sete-puntos-mais-do-previstoA presidenta provincial adiantou que os datos de agosto “agárdanse aínda mellores xa que portais de reservas falan xa dunha ocupación do 100% en vilas das comarcas do Salnés, Vigo ou Val Miñor”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou esta mañá a súa satisfacción polos resultados turísticos acadados no pasado mes de xullo. Así, Silva subliñou que a provincia de Pontevedra “obtivo unha ocupación media do 84%, dous puntos superior á do ano pasado e sete puntos máis que o estimado a comezos do verán, cando prevíamos unha ocupación do 77,2% para xullo”.

Carmela Silva trasladou a opinión do propio sector turístico, que “asegura que os resultados deste xullo foron os mellores dos últimos dez anos, superando en máis de dous puntos os datos de ocupación obtidos no 2016, cando xa se incrementaran ata en dez puntos os resultados con respecto ao 2015”. Amais, a presidenta provincial tamén adiantou que “aínda que a comezos de verán estimábamos que agosto tería unha ocupación do 79%, estamos vendo que os portais de reservas por Internet como booking.com falan xa do 100% neste mes en zonas do Salnés, Vigo ou Val Miñor”.

En canto aos resultados por comarcas, Carmela Silva informou que a ocupación hoteleira no Salnés en xullo foi do 87,35% fronte ao 77% estimado a comezos do verán. Sobre esta comarca, a presidenta destacou que “nos hoteis de catro estrelas a ocupación rozou o 100%” e engadiu que “o crecemento respecto ao ano pasado foi de dous puntos, doce se o comparamos co 2015”.

Para a comarca de Pontevedra, segundo asegurou Silva, “esperábase superar o 80% de ocupación hoteleira e, finalmente, acadou o 90,25% en xullo”. Máis polo miúdo, a presidenta provincial destacou que “ao igual que aconteceu no Salnés, a porcentaxe foi superada nos hoteis de catro estrelas, ascendendo ao 92%”.  Tamén comparou Silva o crecemento con respecto ao ano 2015, significando, este mes de xullo, un incremento nos niveis de ocupación de once puntos con respecto ao mesmo mes de hai dous anos.

En canto á comarca do Morrazo, a Deputación de Pontevedra estimaba a comezos de verán unha ocupación do 85% e o resultado final de xullo foi do 87%. Para Caldas agardábase rozar o 81% e a porcentaxe definitiva foi do 83%. No caso desta comarca, a presidenta da Deputación destacou “a alta incidencia que tivo no sector a organización dos festivais Cultura Quente e PortAmérica, que supuxeron ascensos nos niveis de ocupación de ata o 100% nos días de celebración dos concertos”.

ocupacion-hotelera-na-provincia-pontevedra-xullo-foi-dun-84-sete-puntos-mais-do-previstoA comarca de Vigo agardaba superar o 81% da ocupación hoteleira en xullo e os resultados definitivos poñen de manifesto que obtivo o 90,6%. Neste caso, Carmela Silva subliñou que “xa se fala do mellor mes turístico da última década na cidade de Vigo e en Baiona os hoteis rozaron case o 100% da ocupación”.

Pola súa banda, a comarca do Baixo Miño obtivo o 80,% de ocupación, fronte ao 75,5% estimado; O Condado e A Pardanta o 82,6%, fronte ao 70% agardado, e en Deza e Tabeirós – Terra de Montes acadouse o 71,5%, fronte ao 67% que se estimaba a comezos de verán.

Turismo rural

A Presidenta da Deputación de Pontevedra tamén destacou os “excelentes resultados do turismo rural na provincia de Pontevedra”. Así, Silva subliñou que “agardábamos superar os resultados do ano pasado, cando a ocupación en xullo foi do 60% e, novamente, superáronse as nosas previsións cunha porcentaxe do 67% nos establecementos rurais da provincia, sete puntos máis que en xullo do 2016 e 5 máis do previsto”.

Por comarcas, as casas de turismo rural da comarca do Salnés tiveron unha ocupación do 63% e na comarca de Pontevedra do 76,5%. Os establecementos rurais do Morrazo estiveron ocupados ao 90%, os de Caldas ao 69,44%, Baixo Miño tivo unha ocupación do 100% e O Condado e A Paradanta do 85%.

Perfil das persoas que visitan Rías Baixas

En canto ás turistas e aos turistas que chegan ata a provincia de Pontevedra, Carmela Silva destacou que o 85,25% proceden de España, principalmente de Madrid, Barcelona, Biscaia, Asturias e Valladolid, con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos que se aloxan entre 7 e 15 días en hoteis.

O turismo estranxeiro que se achega ata Rías Baixas provén de Francia, Portugal, Italia, Reino Unido e Alemaña. Ao respecto, a presidenta da Deputación subliñou que se trata “de países con conexións aéreas desde o aeroporto de Peinador o que manifesta a importancia que ten sumar novas rutas que nos enlacen co resto do mundo”. Tamén destacou Silva que cada vez se detectan máis casos de persoas procedentes de Estados Unidos e Canadá con interese na cultura vitivinícola e enolóxica da provincia de Pontevedra.

Das persoas que responden a enquisa, o 68% non coñecía o destino Rías Baixas polo que – en palabras de Silva-  “a calidade ten que ser fundamental, para conseguir que repitan a súa visita”.

Páxina web e redes sociais de Turismo Rías Baixas

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén asegurou que o incremento dos datos relativos á ocupación hoteleira tamén se está a detectar en canto á información solicitada sobre o destino Rías Baixas. Ao respecto, Carmela Silva destacou que “a páxina web de Turismo Rías Baixas rexistrou este ano 31.000 visitas máis que o ano pasado o que supón un 117% máis que durante o ano 2016”.

Máis polo miúdo a presidenta provincial afirmou que este ano estase a rexistrar o dobre de usuarios que no 2016 sendo os espazos do Camiño pola Costa e Festivais Rías Baixas as seccións máis vistas, xunto a outras relativas a experiencias, recursos, novas, mapas, que facer ou axenda.

En canto ás redes sociais de turismo, Carmela Silva informou que “o crecemento é similar, con 2.800 seguidores máis que o ano pasado en Facebook e 1.700 máis en Twitter”.

 

- Publicidade -spot_img