spot_img
InicioO MorrazoMarínO XVI Premio de Narración Curta do Concello de Marín volverá para...

O XVI Premio de Narración Curta do Concello de Marín volverá para conmemorar o Día das Letras Galegas

O XVI Premio de Narración Curta do Concello de Marín volverá para conmemorar o Día das Letras GalegasAs bases serán publicadas nos vindeiros días na web do Concello, pero xa hai unha data para a presentación de manuscritos: o 20 de abril de 2021. Coma sempre, haberá unha modalidade para os escolares e outra para adultos. O premio neste último caso será de 1.000 euros.

A literatura galega volverá ser a protagonista no Concello de Marín durante todo abril e maio. A celebración do Día das Letras Galegas na nosa localidade sempre vai aparellada á convocatoria dun novo premio literario, co que incentivar o hábito da escrita entre escolares e adultos en lingua galega.

A concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, adiantou esta mañá que na próxima semana serán publicadas na web do Concello as bases do XVI Premio de Narración Curta do Concello de Marín, que, coma sempre, contará con dúas modalidades de concorrencia: unha para escolares da vila e outra para adultos de todo o ámbito nacional.

O que si se sabe xa é a data máxima que terán os que queiran participar para enviar os seus manuscritos, que en ambos casos será o 20 de abril de 2021. “Queremos ir adiantando a convocatoria para que todos os que teñan interese en escribir algo e presentalo poidan ir traballando no manuscrito con certa marxe de tempo”, explicou a edil.

No caso da modalidade de escolares, poderán participar rapaces e rapazas dos centros de ensino do municipio de Marín que cursen Educación Primaria e 1º e 2º da ESO. Os traballos que presenten terán que ser inéditos, de temática libre e realizados en lingua galega, cunha extensión máxima de tres páxinas de tamaño DIN A4, escritos por unha soa cara.

A participación dividirase en catro categorías:

  • 1º e 2º de Primaria
  • 3º e 4º de Primaria
  • 5º e 6º de Primaria
  • 1º e 2º da ESO

Cada centro educativo poderá presentar, como máximo, tres traballos por cada unha delas, que levarán o título e a categoría no manuscrito, sen o nome do autor/a. A dirección de cada centro subirá todos os traballos que opten ao premio á páxina web do Concello, a través dun formulario que se habilitará e que permitirá facer constar os datos do alumnado e un adxunto de documentación. Deste xeito, o Concello poderá coñecer a autoría dos traballos pero o xurado recibirá unicamente o manuscrito sen autoría.

O xurado estará constituído pola escritora Fátima Álvarez González; o bibliotecario do Concello de Bueu, José Ramón Núñez, e a bibliotecaria do Concello de Cangas, María Pilar Refojo. Repartiranse tres premios, consistentes nun lote de material escolar e unha placa conmemorativa para o primeiro de cada categoría.

Modalidade de adultos

No caso dos adultos, tamén será preciso que os textos sexan orixinais, inéditos e en lingua galega. A extensión estará limitada a entre cinco e dez páxinas, tamaño DIN A4, mecanografas a dobre espazo por unha soa cara. O tipo de letra a utilizar será a “Roman” ou “Times New Roman”, a 12 puntos de tamaño.

A temática será libre e cada participante terá que subir o seu traballo á páxina web do Concello, onde tamén se habilitará un formulario (diferente ao dos escolares), no que se farán constar os datos persoais, que lle servirán ao Concello para asociar os manuscritos ao seu autor, pero o xurado só recibirá o manuscrito firmando de xeito anónimo.

O xurado será o mesmo que o da modalidade escolar e haberá un único premio de 1.000 euros.

- Publicidade -spot_img