O Xeodestino Condado Paradanta conta dende onte con catro novos distintivos SICTED de compromiso de calidade turística que se suman aos 49 existentes e que contribuirán á posta en valor dos dez concellos que forman este territorio: A Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. “Hoxe recoñecemos a aquelas iniciativas empresariais, espazos públicos e proxectos que apostan pola calidade no seu traballo diario.
Un esforzo importante que agradecemos porque pón en valor o noso territorio. Ser sinónimo de calidade é o pasaporte para un futuro máis produtivo, máis harmónico, máis sostible e a mellor aposta para dar calidade de vida e fixar poboación”, sinalou o presidente do GDR Terra e Auga e alcalde de Covelo, Pablo Castillo.
Alcaldías do sur da provincia, Turismo de Galicia, AGADER, Deputación de Pontevedra, Federación Provincial de Turismo e Hostalería FEPROTUR, e a nova asociación de Empresas do Turismo no xeodestino Condado Paradanta, ASECOTUR, entre outras entidades públicas e privadas, asistiron a este evento que recoñece o esforzo e a seriedade no traballo tanto das novas empresas como das que renovan o certificado de calidade.
A Deputada de Turismo, Nava Castro, salientou os importantes recursos cos que conta o Condado Paradanta e animou ás empresas e emprendedores a formarse, aprender e emprender innovando e ofrecendo aos clientes novidades “porque dende este territorio temos moito que ofrecer e compartir: gastronomía, arte, deporte, natureza, historia, folclore e todo tipo de experiencias singulares. Exemplo disto son tradición vitivinícola e termal, así como ás súas numerosas opcións de turismo activo ou a media ducia de festas de interese turístico como a festividade do Corpus Christi de Ponteareas ou a Festa da Lamprea de Arbo, as dúas de Interese Turístico Internacional, entre outras.”. Nava Castro reiterou tamén a importancia do GDR como xestor do xeodestino ao ser a entidade que coñece, conecta e coordina este territorio.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles felicitou ao xeodestino por sumar estes novos distintivos SICTED para Condado Paradanta, que se está a reforzar como destino turístico competitivo e de calidade. Salientou, tamén, a importancia que a Xunta de Galicia está a dar á competitividade de Galicia como destino con actuacións como o novo Plan de Calidade e Sustentabilidade Turística posto en marcha este ano por máis de medio millón de euros. “É a nosa folla de ruta para intensificar a calidade e sustentabilidade turística que nos permitirá reforzala no Camiño de Santiago, dar continuidade ao apoio aos destinos SICTED e, no eido privado, seguir impulsando que as certificacións de calidade cheguen cada vez máis empresas”, indicou.
Dende hai catro anos o GDR promove entre as empresas dos dez concellos a formación e a mellora continua para ofrecer ás persoas as últimas comodidades, servizos e produtos co obxectivo de acadar experiencias únicas.
Nesta edición entregáronse catro novos selos de calidade turística e renováronse 19 máis que xa viñan implementando o sistema de mellora continua nos seus negocios. A taberna A Baiuca de Mondariz, a gandaría Sesteiro de Covelo, a praia fluvial de Maceira en Covelo e La Ojiva Espazo Gastronómico en Salvaterra de Miño súmanse aos negocios que apostan por premiar á clientela co mellor servizo, trato, instalacións e produtos.
O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola secretaría de estado de Turismo (SETUR) co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que traballa con servizos turísticos de ata 37 oficios diferentes co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción do turista.
Co apoio do GDR Terra e Auga e a Axencia Turismo de Galicia xa son 53 empresas as adheridas no territorio do Condado, Paradanta e Salceda de Caselas. “Empresas que se esforzan a diario para que as e os seus clientes teñan o mellor multiplicando as posibilidades de repetición e de emitir referencias positivas do noso territorio”, explica Pablo Castillo, presidente do GDR Terra e Auga.
En liña coa súa estratexia de desenvolvemento o GDR Terra e Auga engalanou a entrega de premios cun dos seus piares fundamentais, a arte, expresada a través dunha actuación musical, da poesía, da danza e dunha montaxe audiovisual.