Varios colexios da provincia están a visitar estes días o xacemento do Monte do Castro, un dos grandes atractivos turísticos da comarca do Salnés
Hoxe mesmo, eran varios alumnos do colexio Mosteiro de Meis os que visitaban o xacemento, unha visita, ademais, algo especial. E é que os rapaces, de cuarto da ESO, foron acompañados de un grupo de estudantes irlandeses cos que están a colaborar para por en valor o patrimonio das súas respectivas localidades. Baixo esta premisa, os alumnos irlandeses, adscritos ao programa Erasmus+, están a coñecer estes días a Comarca do Salnés, visita na que non podía faltar unha excursión ao Monte do Castro, xacemento de enorme valor para o patrimonio histórico e cultural de Galicia. Durante a excursión, as mozas e mozos tiveron a oportunidade de ver os traballos de recuperación que se están levando a cabo, así como de escoitar a historia deste castro.
O xacemento arqueolóxico, situado entre as parroquias de Leiro e Besomaño, atópase nun alto dende o que se avista a zona final do val do río Umia. Segundo os traballos arqueolóxicos realizados, o lugar foi ocupado e reocupado dende o século IV a.C. e ata o I d.C. cando, por causa do lume, quedou definitivamente destruído e abandonado. Ademais, a pesar de que os traballos de recuperación e conservación aínda non están rematados, considérase un castro de gran valor para proporcionar información aos arqueólogos.
Trátase, por tanto, dun punto neurálxico para Ribadumia e a comarca do Salnés, tanto a nivel histórico e cultural como turístico, no que os visitantes poden camiñar entre os restos do poboado, coñecer a vida dos nosos antepasados e observar unhas vistas únicas do Salnés.



