Preto de 500 investigadores e investigadoras debaterán sobre as distintas disciplinas das Ciencias do Mar nos seis congresos que se celebran no Auditorio Mar de Vigo: ISMS, EOF, Siquimar, Redibal, ISC CDM e workshop Patrimonio Cíes
O VI International Symposium on Marine Sciences, ISMS, xa abriu as súas portas no Auditorio Mar de Vigo, onde durante tres días arredor de 500 investigadores e investigadoras “reunirán todo o coñecemento científico a nivel nacional e internacional dos distintos eidos do mundo mariño”. Así o asegurou este mércores 20 de xuño durante a inauguración Belén Rubio, coordinadora o simposio e vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, quen quixo destacar o importante crecemento deste simposio internacional ao longo dos anos, xa que duplicou o número de persoas participantes con respecto á edición de 2009 celebrada tamén en Vigo.
Dando un paso máis nese crecemento, por primeira vez o simposio aglutina seis congresos de nivel internacional: o ISMS, o V Encontro de Oceanografía Física (EOF), o XIX Seminario Ibérico de Química Mariña (Siquimar), a XIII Reunión Ibérica de Algas tóxicas e biotoxinas mariñas (Redibal), o International Science Conference do Campus do Mar (ISC CDM) e o workshop Patrimonio Cíes, impulsado e promovido polo Concello de Vigo. “Que esta sexa a cidade de acollida deste evento é moi relevante, xa que o 40% da investigación de Ciencias do Mar a nivel nacional faise aquí”, subliñou Rubio, quen recalcou que Vigo conta a maior concentración de centros de investigación mariña e de empresas con unidades propias de I+D+i, así como cunha sede da Axencia Europea de Pesca, o que sitúa á cidade “no centro da vangarda da investigación mariña”.
Ese mesmo aspecto que quixo destacar o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, quen se referiu á sexta edición do ISMS como “un lugar perfecto para intercambiar ideas e para atopar futuros socios nun panorama no que cada vez ten máis importancia a colaboración europea para o financiamento de proxectos”. Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quixo agradecer aos organizadores a oportunidade de celebrar un congreso internacional como o ISMS nunha cidade “que naceu no mar, vive no mar e que está namorada do mar” e sinalou a importancia que teñen para o concello vigués as institucións que traballan neste campo e que se materializou concedendo a Medalla de Ouro ao Instituto Español de Oceanografía de Vigo e a medalla de Vigués Distinguido á Facultade de Ciencias do Mar.
No acto de presentación tamén participou a directora xeral de Pesca da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez; a directora do Instituto Español de Oceanografía – Centro Oceanográfico de Vigo, Victoria Besada; e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que fixo fincapé na importancia do simposio pola “investigación teórica, polo coñecemento posto en común, porque se poñen debates enriba da mesa e polas conclusións que os investigadores e investigadoras van sacar, pero tamén para facer chegar ao conxunto da sociedade o compromiso de defensa cos océanos”.
Tres días de congreso
O ISMS está promovido pola Conferencia de Decanos de Ciencias do Mar de España e as universidades de Vigo, Valencia, Gran Canaria, Barcelona, Cádiz e Alacante, CSIC e Instituto Español de Oceanografía e conta tamén nesta edición coa colaboración do Concello de Vigo, quen promove un workshop de investigación e debate científico para apoiar a candidatura do arquipélago das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade. Tamén conta coa colaboración da empresa de tecnoloxía mariña Oceomic e do laboratorio CIFGA.
Durante tres días danse cita investigadoras e investigadores de 74 cidades de países como España, Portugal, México, Colombia, Costa Rica, Arxentina, Chile, Perú, Reino Unido, Alemaña, Irlanda, Países Baixos, Brasil, Italia e Tunisia. Con 420 comunicacións e pósteres, o ISMS servirá de un escaparate dos avances científicos que se están a conseguir en distintos eidos. Ademais, contará coas conferencias plenarias de Óscar Romero, Jörg Schäfer, Aída Alvera, Marina Montresor, Jorge Cortés e Ricardo Torres.
Aínda que ten un marcado carácter científico, o simposio tamén terá unha parte aberta ao público: a cidadanía poderá participar na mesa de debate ‘A muller e a ciencia’, que se celebrará o xoves 21 ás 19.30 horas, ou no workshop Patrimonio Cíes. Ademais, este mércores 20 o Concello de Vigo organizará unha recepción oficial para todos os participantes no Parque de Castrelos.



