spot_img
InicioVal MiñorBaionaO Val Miñor destina 25.000 euros para axuda alimentaria de emerxencia e...

O Val Miñor destina 25.000 euros para axuda alimentaria de emerxencia e ao proxecto de recollida de lixo nos campamentos de refuxiados do Sahára

O Val Miñor destina 25.000 euros para axuda alimentaria de emerxencia e ao proxecto de recollida de lixo nos campamentos de refuxiados do SaháraGrazas á achega do Val Miñor o proxecto ‘Nadafa’ de recollida de lixo e sensibilización ambiental poderá continuar dando emprego a 22 mulleres saharauis e mellorando o tratamento dos residuos nos campamentos

Revista COUSAS DE nº14

Os alcaldes do Val Miñor asinaron oficialmente a aportación de 25.000 € da Mancomunidade do Val Miñor ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para que os destine íntegramente a axuda alimentaria de emerxencia aos campamentos de refuxiados saharauis e á recollida de residuos e sensibilización ambiental nestes territorios no proxecto xa en marcha chamado ‘Nadafa’. Asi o formalizou hoxe o presidente da Mancomunidade, Juan González; o rexedor de Gondomar, Francisco Ferreira (o de Baiona non puido acudir por estar atendendo o incendio forestal en Baredo)  ante a gobernadora de Bojador, Azza Bobih, e o delegado do Fronte Polisario en Galicia, Mohamed Mehdi, nun encontro no Concello de Nigrán. Estes cartos súmanse aos 10.000 € que xa aprobou ao respecto o Concello de Nigrán e a outros 15.000 € que achegará directamente o Fondo Galego despois de que o rexedor nigranés, presidente tamén do Fondo, visitase xunto ao seu homólogo de Gondomar os campamentos en febreiro e apreciasen in-situ estas necesidades.

“Inicialmente esta achega ía destinarse exclusivamente ao proxecto de recollida de lixo e concienciación ambiental nos campamentos, xa en marcha, pero desde a Media-Luna Roja Saharaui nos trasladan unha necesidade imperiosa de alimentos ao punto de que nos últimos cinco meses tiveron que reducir as súas racións mensuais en máis dun 50%”, explica González, quen subliña o “compromiso inquebrantable” do Val Miñor cos saharauis, participando desde sempre a comarca no programa ‘Vacacións en Paz’ que, grazas ás familias acolledoras e á financiación dos concellos, trae a menores no verán que repetirán este ano despois de dous anos paralizado pola Covid-19. “O movemento solidario e a vontade expresada pola sociedade civil nesta causa é absoluto, e por iso desde a Mancomunidade queremos aportar esta achega en momentos tan difíciles para eles”, explica González, quen aprobou en marzo no Concello de Nigrán unha moción en defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharaui e de rexeitamento da viraxe neste asunto de política exterior por parte do goberno de España, sendo o primeiro municipio de Galicia en facelo.

Aproveitando a visita de Azza Bobih, o rexedor amosoulles o camión que doará o Concello de Nigrán para a seguinte caravana humanitaria aos campamentos de refuxiados grazas á concesionaria do lixo Prezero España. Trátase dun  Renault con grúa de caixa aberta de 8 metros de longo e coa ITV pasada e en perfectas condicións para poder viaxar. “Irá cargado de axuda humanitaria na próxima caravana. Sabemos que alí fai moita falta porque o pediron expresamente, estaba en servizo ata hai poucos meses e foi posto a punto para este fin”, explica González.

A situación prolongada dos refuxiados saharauís volveuse máis fráxil que nunca como resultado dos terribles efectos causados pola pandemia da  Covid e a nova onda de desprazamento de miles de civís causada polo conflito armado entre as dúas partes en conflito no Sahara Occidental. Hai un esgotamento total da reserva de fariña e aceite e unha redución ao mínimo das reservas doutros alimentos básicos, e o déficit crónico de financiamento incrementouse cos altos prezos no mercado internacional. Por iso a Media Lúa Vermella Saharauí expresa a súa profunda preocupación pola crecente vulnerabilidade da situación dos refuxiados e o aumento sen precedentes na incidencia de desnutrición e anemia entre nenos e mulleres. Ante esta perigosa situación, a organización fixo un chamamento urxente aos  paises doantes, ás axencias de Nacións Unidas, ás organizacións humanitarias internacionais, ás asociacións da sociedade civil e ao movemento de solidariedade co  pobo saharauí para que proporcionen axuda humanitaria urxente aos refuxiados  para evitar máis deterioro da fráxil situación.

Nadafa

“Grazas a estes cartos por vez primeira na Historia podemos levar adiante un programa de sensibilización ambiental a cargo dunha ducia de persoas, repartindo folletos informativos entre as familias refuxiadas e cubos de recollida, ademais de construír puntos específicos para o depósito de lixo e ter contratadas a 20 mulleres e 2 condutores con este fin de xestionar a recollida no campamento de Bojador”, explica Bobih, quen agradeceu especialmente a solidariedade da comunidade galega. “Somos refuxiados políticos, algún día gustaríanos devolveros o noso agradecemento por todo o que facedes por nos nun sáhara libre; o pobo español é o noso irmá”, considerou.

Os 16.500 habitantes da Wilaya de Bojador beneficiaranse grazas a estas achegas dos concellos do Val Miñor deste proxecto ‘Nadafa’, xa en marcha e que significa “limpeza” en árabe, actuando en dúas vertentes. Dunha banda, estase a mellorar o servizo de recollida de lixo sufragando a contratación de máis persoal e dotándoo dos materiais necesarios para realizar esta tarefa. Por outra parte, intensificaranse as actividades de sensibilización dirixidas á poboación, especialmente aos 3.382 nenos e nenas das escolas, contando con organizacións da zona como os colectivos xuvenís. Ao tempo, apoiarase á emisora local para que reforce os contidos ambientais e as mensaxes a prol do coidado da contorna. O propio presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, xunto ao de Gondomar, tiveron a oportunidade de comprobar in situ como a falta de recursos lles impide ás autoridades locais saharauís realizar unha correcta xestión dos residuos.

- Publicidade -spot_img