
O campión olímpico en Pequín 2008 Carlos Pérez ‘Perucho’ levou o triunfo na categoría master.
Ás 15:30 de onte sábado dábase a saída á III edición da a Lanzada Ocean Race baixo unhas magníficas condicións do mar para practicar o surfsky. O centenar de participantes corrían cara ás súas piraguas situadas á beira da praia da Lanzada para emprender o seu camiño cara á praia de Silgar en Sanxenxo, onde estaba situada a liña de meta.

O primeiro en chegar ao momento final da carreira foi o tudense Roi Rodríguez cun tempo de 1:05:58 segundos, completaron o podio na categoría elite o portugués subcampión olímpico en Londres 2012 Enmanuel Silva que foi segundo, en terceira posición a tres minutos do vencedor chegaba Breogán Monteagudo. Iván Alonso vencedor da primeira edición do evento, chegaba en décimo segunda posición despois de sufrir un volvo na saída e a rotura do seu kaiak, circunstancias que lle impediron loitar polo triunfo final da proba.
Doutra banda, Carlos Pérez ‘Perucho’ foi o vencedor en master elite cun tempo de 1:06:13 segundos, o segundo posto sería para Óscar Chalupsky, o surafricano primeiro o ano pasado nesta regata, queixábase ao termo da competición das poucas ondas que tiveron durante o percorrido e do vento en contra que lle impediron demostrar o dominio que ten sobre a embarcación, que lle levaron a conseguir tantos títulos mundiais da especialidade, o último no ano 2012, en terceiro lugar chegaba o asturiano Rafael Carril.
A grovense Tania Alvarez foi a primeira muller en completar os 17 quilómetros do percorrido cun tempo de 1:23:09 segundos, por detrás entraron Verónica Carreira e María del Palacio segunda e terceira respectivamente. Na modalidade de padle surf o podio foi para Carlos Besada, Iván Pena e Roi Carballeda.



