spot_img
InicioVal MiñorBaionaA Campaña 'Dalle Luz á túa factura' chega a Baiona

A Campaña ‘Dalle Luz á túa factura’ chega a Baiona

O Concello de Baiona trae á vila a campaña informativa impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria baixo o título Dálle luz á túa factura. O Viveiro de Empresas, situado na Rúa do Reloxo nº5, acollerá o vindeiro venres, día 9, ás 12:30h unha xornada para expoñerlles aos consumidores algunhas claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, nocións centradas fundamentalmente en como elixir o tipo de contrato máis adecuado para cada fogar, valorar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria.

Esta campaña
A iniciativa, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Consumo e o Inega, pretenden facilitar aos veciños a comprensión da factura e informar sobre como reducir o gasto a través de aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis acomodado para cada fogar; revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. Ademais, farase fincapé no aforro e a eficiencia enerxética, e achegarase información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.

Na xornada informativa tamén se explicará como poden acceder tamén nas webs de ambas as entidades a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas.

Ademais, para que os consumidores poidan consultar as súas dúbidas, póñense en marcha o teléfono gratuíto 900 907 723, así como a páxina de Facebook “Dálle luz á túa factura”, que complementan así o labor de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).

A subministración eléctrica é un ámbito prioritario para a Xunta pola súa relevancia no benestar e na economía dos consumidores. Neste campo, o Instituto Galego de Consumo tramitou no primeiros nove meses do ano máis de 2.000 reclamacións relacionadas coas eléctricas, das cales preto do 60% foron xa resoltas de maneira favorable para o consumidor.

E faise especial fincapé nos consumidores máis vulnerables, con medidas como o tícket eléctrico social, co que xa se apoiou a preto de 5.000 familias, para contribuír ao pago da factura da luz con ata 300 euros ao ano; e unha medida orientada a evitar os cortes de subministración eléctrica por falta de pagamento, coa que o Goberno galego xa axudou a preto de 800 fogares, e que permite cubrir o custo de dúas mensualidades ao ano por fogar, garantindo desta maneira o servizo básico.

Ademais, se aposta polo aforro e a eficiencia enerxética, con iniciativas como o Plan de aforro e eficiencia enerxético nas vivendas galegas, que impulsa a mellora das infraestruturas cara a construcións máis eficientes e o emprego de fontes de enerxía renovables.

- Publicidade -spot_img