O subdelegado do Goberno, Antonio Coello Bufill, participou esta mañá no minuto de silencio en recordo ás vítimas de accidentes de tráfico que tivo lugar na Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra. Ao acto acudiron tamén representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e diversas autoridades coa intención de concienciar á cidadanía e a todos os axentes da sociedade da traxedia persoal e social que supoñen os accidentes de tráfico, así como da importancia de avivar a conciencia no ámbito da seguridade viaria.
O acumulado de vítimas mortais por accidente de tráfico entre 1960 e o ano 2013 ascende a 285.645 persoas en España; cifra que reflicte a secuela que, social e individualmente, representa esta causa de mortalidade. En Galicia, no últimos trinta anos, perderon a vida 11.178 persoas (2.852 na provincia de Pontevedra). No que vai de ano son 18 os falecidos en accidentes de tráfico na provincia; un menos que no mesmo período do ano anterior.
Antonio Coello lembrou ás Asociacións de Vítimas, e especialmente ás propias vítimas e aos seus familiares, que a través da Dirección Xeral de Tráfico, o Goberno non só vea porque cada día haxa máis minutos sen falecidos por este motivo, senón que se pon sempre á súa disposición.
Unidade de Vítimas de Accidentes de Tráfico (UVAT)
A Dirección Xeral de Tráfico puxo en funcionamento o ano pasado a Unidade de Atención a Vítimas de Accidentes de Tráfico (UVAT) existindo na actualidade unha unidade por cada Xefatura Provincial. O seu obxectivo fundamental consiste en paliar os efectos derivados do propio accidente de tráfico e os que resultan da relación que se establece entre a vítima e o sistema xurídico-penal, policial, social e sanitario; facilitando as actuacións especializadas en distintos ámbitos na vida das vítimas (familiar, social, laboral, económico e, sobre todo, persoal) que puideron verse afectados gravemente como consecuencia do accidente.
O traballo directo coas vítimas consiste en ofrecerlles toda a información necesaria en cada caso, a través dunha atención personalizada e próxima desde cada unha das Unidades de Información situadas nas Xefaturas Provinciais de Trafico.
Na Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra atendeuse telefonicamente até a data a 175 vítimas e prestouse un servizo máis pormenorizado en 16 casos complexos.



