spot_img
InicioAlto MinhoO servicio gratuito de bicis transfronteirizas do Miño comezará a funcionar antes...

O servicio gratuito de bicis transfronteirizas do Miño comezará a funcionar antes do verán

As novas bicis transfronteirizas do Miño é unha iniciativa promovida polo AECT Río Miño co obxectivo de fomentar a mobilidade sustentable e o turismo

As beiras do río Miño e os cascos urbanos das Eurocidades de Tui-Valença, Tomiño Cerveira e Salvaterra-Monçao serán os lugares onde se instalarán as estacións de intercambio das novas bicicletas transfronteirizas do servizo de préstamo que está a poñer en marcha o AECT Río Miño. Así o decidiron o persoal técnico dos concellos e do agrupamento europeo, nos vindeiros días van definir as localizacións concretas.

Desde o AECT e as Eurocidades están a dar todos os pasos para que de cara ao bo tempo (e coa apertura da fronteira mediante) o proxecto de ‘bike sharing’ estea en marcha e a disposición tanto da veciñanza da zona como para o turismo. Segundo destacou o vicedirector do AECT, Uxío Benítez, búscase que esta iniciativa sexa funcional, permitindo que se poida circular nas bicicletas a “unha e outra beira do río ben por motivos de ocio ou de necesidade” fomentando a mobilidade sustentable e tamén o turismo no territorio miñoto.

Nestes momentos estase a ultimar o sistema tecnolóxico das tarxetas das persoas usuarias e a APP que regulará o uso, así como realizando os trámites administrativos necesarios para a aprobación do regulamento de uso e o contrato dos seguros e mantemento. O horizonte, segundo confirmou Benítez, é que antes do verán o servizo estea en marcha e que todas as persoas que vivan ou visiten as Eurocidades teñan a disposición este sistema de mobilidade natural de maneira gratuíta.

A AECT Rio Minho pon en marcha un proxecto piloto de bicis transfronteirizas nas Eurocidades do Miño

Este proxecto trátase dunha iniciativa piloto pioneira na fronteira ibérica para potenciar a mobilidade suave, ou o que é o mesmo, o uso alternativo aos vehículos a motor. De feito, enmárcase dentro do Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteiriza (PMST), promovido pola Deputación de Pontevedra no ámbito do proxecto ‘Estratexia de cooperación intelixente do río transfronteirizo do Miño’ Smart_Miño_ cofinanciado polo Programa Interreg VA.

Nun primeiro momento haberá 42 bicicletas repartidas en grupos de sete para cada concello das Eurocidades. Poderanse utilizar a través dunha aplicación virtual que permitirá o desbloqueo da bicicleta previo rexistro. Cada bicicleta terá un sistema de localización GPS, polo que estará permanentemente localizada. As bases de recollida e intercambio non disporán de ancoraxes físicas.

A empresa encargada do subministro e mantemento inicial é Soltráfego, responsable do ‘bike sharing’ en Lisboa ou Porto

- Publicidade -spot_img