spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaO segundo concerto do ciclo de música PÓRTICO SONORO na igrexa de...

O segundo concerto do ciclo de música PÓRTICO SONORO na igrexa de Santiago Apóstolo de Redondela

segundo-concerto-ciclo-música-PÓRTICO-SONORO-igrexa-Santiago-Apóstolo-RedondelaConcerto da Oequestra da USC e o Coro GLI APPASSIONATI

O segundo concerto do ciclo de música PÓRTICO SONORO, celebrarase o próximo sábado, 14 de marzo, ás 21.00 h, na igrexa de Santiago Apóstolo de Redondela.

O concerto correrá a cargo da Orquestra do “Espazo de Cámara” da Universidade de Santiago de Compostela e do coro Gli Appassionati de Vigo, que interpretarán o “Gloria” de Vivaldi, e o “Magnificat” de J.S. Bach.

A Orquestra do “Espazo de Cámara” da Universidade de Santiago de Compostela é un proxecto educativo e cultural arredor da música que pretende divulgala entre o estudantado universitario e a poboación en xeral. Está formada por 35 compoñentes baixo a dirección Mario Diz, e conta co patrocinio da Vicerreitoría de Cultura.

Dende o 2010 a Orquestra da Universidade traballou en diversos proxectos entre os que destacan o aniversario de Debussy, co concerto de Arpa e Orquestra coa solista Reyes Gómez; o Concerto de Haydn en Re interpretado por Carlos G. Amigo; o monográfico sobre Astor Piazzolla e sobre a música galega onde o solista Gregori Nedobora interpretou o concerto do violinista galego Manuel Quiroga; ou unha versión do musical Sweeney Todd de Stephen Sondheim, en colaboración coa Aula de Teatro da Universidade. Participa tamén nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela dende o seu inicio xunto á Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia, como unha das tres orquestras convidadas. Recentemente foi incluída na rede de Orquestras Universitarias Europeas, ENUO, onde participan orquestras de máis de 28 nacionalidades de toda Europa.

O Coro Gli Appassionati está composto por 50 mozos e mozas apaixonados polo canto e a música en xeral, dirixidos por Nuria Lorenzo López. O grupo consolídase a través dunha alta calidade na formación vocal e musical, que lles permite abordar un amplo e diverso repertorio no que inclúen obras de gran dificultade, tanto clásicas coma de Pop e do folclore internacional.

No seu palmarés inclúese o 1º Premio no X Certamen Nacional da Canción Castellana de Fuensalida, Toledo (outubro 2014), 1º Premio no II Certame de Corais Vila de Arbo  (abril 2014), 3º Premio no Certame Nacional Fira Tots Sants, Alacant (novembro 2013), 2º Premio no X Certamen de Panxoliñas de Tui (decembro 2012), 3º Premio no XXIX Certamen Coral Internacional Villa de Avilés, Avilés (novembro 2012), e finalistas no Certame Nacional Antonio José de Burgos (outubro 2013).

O seu repertorio clásico inclúe obras de Pergolesi, Tomás Luis de Victoria, Antonio Lotti,  Mozart e Gounod, e teñen colaborado tamén coa Orquestra 430 de Vigo.

Entre o repertorio pop-rock interpretan dende temas dos Beatles até de Queen, unha selección que incluíron nun espectáculo denominado “Appassionarte”, celebrado en varios auditorios de Galicia. Recentemente interpretan xunto coa Orquestra Filarmónica de Pontevedra a obra de “Peter Pan” no Pazo da Cultura de Pontevedra.

 INTÉRPRETES SOLISTAS

Carmen Subrido (soprano)

Esta compostelá comeza os seus estudos no Conservatorio da Real Sociedade Económica de Amigos do País, coa profesora de canto Teresa del Castillo, e continúa a súa formación na Escola de Canto de Madrid con Mª Teresa Tourné e Valentine Elcoro.

Participa en diversos cursos e clases maxistrais nas que recibe clases de Jaume Aragall, Monserrat Caballé, Placido Domingo ou Mirella Freni, e viaxa regularmente á cidade de Treviso (Italia), para a preparación do seu repertorio co prestixioso profesor Enza Ferrari. Acada importantes premios en concursos  coma o Julian Gayarre, o Mestre Alonso ou o Premio Ángeles Gulin á mellor voz de soprano.

Como solista comeza a súa andaina no “Grupo Universitario de Cámara de Compostela”, e ten un amplo repertorio en diferentes estilos musicais como a música antiga, a zarzuela ou a ópera. Actualmente, alterna a súa actividade artística coa docencia en diferentes grupos coma no Coro Gaos da Coruña.

Laura Guerrero (soprano)

Natural de Vigo, estuda canto no Consrevatorio Profesional da cidade.

Dende 2011 participa en distintas agrupacións corais coma  o Coro Universitario de Vigo,  na coral Ondas do Mar de Vigo de Cesantes e o coro Gli Appassionati dende a súa fundación.

Dende 2013, participa co Coro da Universidade de Vigo nas tempadas de ópera da Asociación de Amigos da Ópera de Vigo. Como solista, interpreta dende canción galega ata o máis variado repertorio clásico, e en Jazz colabora ca Omega Big Band no Second Sacred Concert de Duke Ellington.

Nuria Lorenzo (mezzosoprano)

Nacida en Vigo, comeza a estudar música e canto na “Schola Cantorum Santa Cecilia” de Vigo, e estuda canto no Conservatorio de Música da cidade. Combina estes estudos con máster clases coa mezzo-soprano Helga Mueller Mollinari en Verona.

Entre os seus premios e recoñecementos destacan o 2º premio nacional de España na competición JJMM e o 1º premio en Galicia no Concurso de Música Xove, ademais de ser finalista en concursos internacionais e obter unha bolsa de estudos na Universidade de St. Louis (EUA) para estudar interpretación da canción española. Ademais recibiu a Medalla de Galega Destacada 2014, en recoñecemento á súa carreira como cantante lírica.

Na área de dirección coral dirixiu numerosas formacións entre as que se atopan o Coro Universitario e Coro de Cámara de Vigo e o coro Gli Appassionati.

Juan Abalde (tenor)

Nacido en Ponteareas, é mestre en Educación musical e pedagoxía terapéutica. Comeza os seus estudos musicais no Conservatorio Superior de Santiago de Compostela e continúaos no Conservatorio Profesional de Vigo na disciplina de Canto, con Teresa Novoa e José Antonio Campos.

Remata os seus estudos superiores de canto con Tatiana Sajarova, Beatriz Riobó e Teresa Novoa compaxinando os mesmos con recitais como solista e participando en diversas montaxes de zarzuela e ópera.

Realizou diversos cursos de Canto e Técnica Vocal con profesores como Monserrat Pueyo, Lola Bosom, Helen Larsson ou Miguel Zanetti, e de dirección coral con Javier Busto e Julio Dominguez.

Foi membro do coro Camerata Ad Libitum e dirixe a sección infantil desta agrupación.

Participou como tenor solista no concerto Ex Umbra in Solem, na catedral de Ourense coa estrea da Misa sobre o Himno a San Martín de José Quiroga.

Alfonso Castro (barítono)

A súa formación como barítono lírico comeza no Conservatorio Profesional de música de Vigo en 2011, co profesor José Antonio Campo, onde cursa actualmente 5º Curso Profesional.

Cursa violín no grao profesional e entre 2001 e 2013 participou na Orquestra Clásica de Vigo.

O programa deste concerto inclúe o Gloria RV 589, de Antonio Vivaldi (1678-1741), e o

Magnificat BWV 243, Johan Sebastian Bach (1685 – 1750).

A entrada é libre.

- Publicidade -spot_img