O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia a súa visita ao Uruguai coa inauguración na Casa de Galicia dun equipo de resonancia magnética pioneiro en Latinoamérica

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia a súa visita ao Uruguai coa inauguración na Casa de Galicia dun equipo de resonancia magnética pioneiro en LatinoaméricaO secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, estreou a súa visita ao Uruguai, a segunda no que vai de ano, asistindo á inauguración dun equipo para tomar imaxes a través de resonancia magnética pioneiro en Latinoamérica.

O aparello de alta precisión atópase nunha das sedes sanitarias da Casa de Galicia de Montevideo, unha das mutualidades de orixe galega máis relevantes da capital uruguaia. A ferramenta, que prestará servizo a usuarios de todo o sistema de saúde, tanto da Administración de los Servicios de Salud del Estado (ASSE) como do mutualismo, é única no Uruguai, e permitirá ofrecer un diagnóstico máis preciso sobre as doenzas da columna vertebral, e especialmente na zona lumbar, toda vez que permite a seu análise cando o paciente está de pé, que é cando mellor se percibe.

O Uruguai é un dos países nos que mellor se escenifica a importancia do labor que prestan os centros galegos espallados por todo o mundo, tanto no eido sanitario, como é o caso da Casa de Galicia, como social e cultural, como no da Unión Hijos de Morgadanes, que está a celebrar o seu centenario. A visita a esta última entidade marcou o ecuador da axenda institucional do secretario xeral da Emigración, quen fixo entrega dun agasallo conmemorativo dos primeiros cen anos de vida a esta agrupación galega.

Miranda agradeceu persoalmente tanto ao seu presidente, Roberto Pérez Burgo, como ao resto da directiva e dos socios da Unión Hijos de Morgadanes, a súa “implicación nun traballo desinteresado cuxo único obxectivo é manter viva Galicia fóra das súas fronteiras e poñer a disposición do resto de galegos un lugar no que compartir vivencias, unha lingua e un modo de vida que marca un carácter inconfundible e do que nos sentimos cada día máis orgullosos”.

Máis de trinta reencontros na Terra

O secretario xeral da Emigración tamén aproveitou a mañá para manter un encontro cos máis de trinta beneficiarios do programa Reencontros na Terra procedentes de Uruguai, que están a piques de iniciar a súa viaxe a Galicia. Os participantes, que poderán permanecer na comunidade ata un máximo de 45 días, terán a oportunidade de redescobrir, non só as súas raíces, tanto de tipo cultural e social como familiar, senón tamén poñerse en contacto coa realidade do seu país de orixe mediante actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas familias, e o intercambio de experiencias co resto das e dos participantes. Aínda que todas as e todos os participantes deben ter 65 ou máis anos de idade, condición sine qua non para beneficiarse do programa, a idade media supera amplamente esta cifra.

O programa institucional da xornada rematará esta noite no Parque Social e Polideportivo de Carrasco do Centro Gallego de Montevideo coa celebración dun concerto benéfico a favor do Hogar Español no que actuará o conxunto galego conformado polos artistas Queiman e Pousa. O evento está organizado pola Federación de Sociedades Gallegas de Uruguai, que está a celebrar o seu 25 aniversario, en colaboración coa Xunta de Galicia.

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies