A Xunta impulsa a promoción da Artesanía de Galicia en máis de 50 feiras nacionais e internacionais

A Xunta impulsa a promoción da Artesanía de Galicia en máis de 50 feiras nacionais e internacionaisA Xunta impulsa a promoción da Artesanía de Galicia en máis de 50 feiras nacionais e internacionais

A Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de conceder apoios por preto de 250.000 euros co obxectivo de fomentar a promoción comercial da artesanía galega en 53 feiras nacionais e internacionais – 18 de carácter profesional e 35 de venda directa– dos que se benefician un total de 39 obradoiros artesanais, 10 concellos e dúas asociacións de artesáns.

Así, mediante a convocatoria de axudas que se vén de resolver, apóiase a participación de profesionais en encontros internacionais como Maison & Object, Bijorca e Premiere Classe Accesoires, en París, ou Spoga Horse, en Colonia, así como nas máis destacadas feiras profesionais nacionais como Intergift e Madrid Joya (Madrid) ou Expohogar (Barcelona). Do mesmo xeito, concédense apoios para a participación de obradoiros galegos en feiras de venda directa e feiras nacionais coma Gabonart Bilbao Nadal, Biocultura Madrid, Biocultura Barcelona, Farcama Toledo, ou as feiras de Nadal de Madrid e Sevilla, entre outras.

Ademais, obteñen axudas un total de 10 concellos, para a organización da Mostra de Olería de Buño (Malpica); a Mostra do Encaixe de Camariñas; a Mostra de Artesanía Artelemos (Monforte), o encontro Alfaroleiros (Oleiros); a Feira de Artesanía de Viveiro; a Feira de Artesanía de Carnota; a Feira de Produtos Endóxenos en Bande; a Feira de Artesanía de Outeiro de Rei e a Feira Tradicional Outrora de Bóveda.

Por outra banda, respáldase tamén a organización por parte da Asociación Galega de Artesáns das feiras Mostrart, na Coruña, e Ofeitoamán, en Vigo; así como a Feira de Artesanía de Ourense, que organiza a Asociación de Artesáns da provincia.

Ademais desta orde de axudas, a Xunta aposta pola promoción e a posta en valor do produto artesán galego coa participación de Artesanía de Galicia en encontros internacionais de referencia como Formex ou Tent London. A primeira delas é unha feira profesional de referencia do deseño escandinavo, que se celebrou en Estocolmo entre o 17 e o 20 de xaneiro e na que que se presentou unha colección con pezas de 42 obradoiros artesáns.

Tent London será a próxima cita da Artesanía de Galicia, entre o 20 e o 23 de setembro na capital británica e na que se participa desde o ano 2013. Na edición deste ano contarase cunha selección de produtos de 40 obradoiros artesáns galegos que representan disciplinas como a olería tradicional, a cestería, a madeira, a cerámica, o tecido tradicional, a forxa, o coiro, os sanandresiños, o vidro, o gravado ou a incorporación de novos materiais como a cestería téxtil ou as lámpadas de cartón.

Ademais, Galicia acudirá como comunidade convidada á 35 edición de FERAMUR, a feira de artesanía da Rexión de Murcia, que se celebra en Lorca entre o 27 e o 30 de setembro. Nesta edición, Artesanía de Galicia asistirá cun stand institucional da marca Artesanía de Galicia e con espazos de exposición e venda para 9 obradoiros artesáns galegos.

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies