O Concello do Rosal aprobou por unanimidade este xoves no pleno municipal unha moción presentada polo BNG de rexeitamento do proxecto o parque eólico promovido pola Xunta de Galicia na Serra da Groba.
Esta iniciativa supón a construción de 44 aeroxeneradores e 4 subestacións de transformación e transporte, dos que 5 estarían situados no Rosal, coa súa correspondente infraestrutura asociada, dende vieiros de aceso e servizo ata plataformas de montaxe ou gabias de cableado.
Aínda que dende o Concello se defende o uso de enerxías limpas e renovables como a eólica, a moción recalca a importancia de que a súa construción e ubicación sexa compatible co medio e co uso funcional do monte, na procura dun menor impacto medioambiental.
Por este motivo, denuncia ante a Xunta o modelo opaco seguido na adxudicación e tramitación dos parques eólicos que afectan á Serra da Groba, esixindo á Consellería de Industria a paralización dos proxectos en marcha e a aprobación dun novo marco lexislativo e dun novo Plan sectorial eólico que garantan a iniciativa pública e das comunidades locais na planificación enerxética, a tramitación transparente dos proxectos, dos dereitos das persoas propietarias dos terreo e a avaliación ambiental conxunta do plan e dos parques. A moción tamén destaca que a lei deixa aos propietarios dos terreos nunha situación de indefensión, empurrándoos a aceptar a proposta económica da empresa adxudicataria se non queren facer fronte a un proceso de expropiación.



