Inicio Baixo Miño O Rosal pon en marcha ‘#euquedonacasa’, unha plataforma online cunha morea de...

O Rosal pon en marcha ‘#euquedonacasa’, unha plataforma online cunha morea de propostas para o tempo de confinamento

O Rosal pon en marcha ‘#euquedonacasa’, unha plataforma online cunha morea de propostas para o tempo de confinamentoTrátase dunha ferramenta interactiva na que calquera veciño ou veciña pode participar enviando propostas ou suxestións a través de correo electrónico

Un espazo con propostas sinxelas e divertidas para pasar o tempo de confinamento en familia, con xogos, experimentos, receitas, manualidades con vídeos explicativos, recuncho de lectura, recomendacións ou respostas a dúbidas importantes que xorden en plena crise sanitaria, como as relativas ao emprego. Así é ‘#euquedonacasa’, unha plataforma online posta en marcha polo Concello do Rosal para achegar a todas as veciñas e veciños actividades pensadas para o lecer en familia, propostas municipais en tempo de corentena artelladas nunha ferramenta interactiva e dinámica á que todas as rosaleiras e rosaleiros poden contribuír a enriquecer achegando as súas ideas, suxestións ou inquedanzas a través do correo electrónico euquedonacasa@concellodorosal.gal. “Impulsamos este programa para contribuír a afrontar este confinamento dun xeito positivo, combinando unha serie de actividades que se poden realizar a través da páxina web do concello”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.

Sinxelos e sorprendentes experimentos con elementos que todas as familias teñen na casa feitos paso a paso, vídeos para facer divertidas manualidades coas que decorar ou xogar na casa ou ricas e saudables receitas de cociña para estes tempos nos que se cociña máis son algunhas das propostas que se achegan a través desta plataforma, que irá incorporando novo contido de xeito paulatino.

A través de #euquedonacasa tamén se artellarán diferentes xogos nas redes sociais do Concello do Rosal, como o xogo de fotografía ‘Desde a miña ventá’, que aglutinará nesta páxina todas as fotos enviadas pola veciñanza e dará resposta ao maior misterio de todos: en que zona ou barrio están feitas. Unha proposta que xa está a ter moita repercusión, xa que son moitas as fotografías que veciños e veciñas están enviando para participar.

A plataforma tamén contará cun recuncho de lectura no que se poderán desfrutar dos ‘Contos contados’ de KalandrakaTv, unha iniciativa posta en marcha por esta editorial para amenizar a corentena durante o estado de alarma e levar o amor pola literatura a todos os fogares a través de vídeos coa narración de contos tradicionais, relatos de creación ou versos na voz das súas autoras ou autores ou recreadas por narradores. Neste apartado tamén se poderá acceder a GaliciaLe, unha plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas.

Entre os contidos que se colgarán no #euquedonacasa estarán tamén as recomendacións feitas pola psicóloga rosaleira Andrea Iglesias para levar do mellor xeito este tempo de confinamento, consellos xerais ou destinados a familias coas que xestionar o malestar psicolóxico que pode xurdir tras unha corentena tan longa. Tamén recollerá recomendacións sobre reciclaxe e a xestión de residuos no día a día ou unha serie de guías de emprego vinculadas a organismos oficiais coas que resolver posibles dúbidas e problemas xurdidas durante o estado de alarma.

Dende o Concello do Rosal quérese “agradecer o traballo feito por todas as persoas que achegaron as súas ideas, a súa experiencia, a súa creatividade e, como non, o seu tempo para que esta plataforma sexa unha realidade. Esperamos que se convirta nunha ferramenta á que ás familias recorran para facer estes días de confinamento moito máis levadíos”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies