·Publicidade ·spot_img
InicioVal MiñorGondomarO "Revitaliza" comeza o curso 2021-2022 nos centros de ensino con preto...

O “Revitaliza” comeza o curso 2021-2022 nos centros de ensino con preto de 700 alumnos en só dúas semanas de actividades

O Revitaliza comeza o curso 2021-2022 nos centros de ensino con preto de 700 alumnos en só dúas semanas de actividades
Imaxe da xornada do obradoiro ‘Quen vive aí?’ realizada hoxe en Gondomar

Persoal do CEIDA xa percorreu dez concellos de sete comarcas distintas facendo divulgación sobre compostaxe con novos obradoiros

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra vén de iniciar oficialmente o seu curso 2021-2022 nos centros de ensino da provincia cun arranque totalmente exitoso: en apenas dúas semanas serán preto de 700 rapazas e rapaces as que pasen polas actividades que se están a desenvolver grazas aos obradoiros divulgativos sobre compostaxe desenvolvidos polo CEIDA.

O persoal responsable das actividades está a recibir moitas solicitudes por parte de colexios e institutos, chegándose a cifras prepandemia. De feito, nestes primeiros días cubriuse a dispoñibilidade dos obradoiros e chegouse a doce centros de dez concellos en sete comarcas diferentes da provincia: EEI do Vao e IES Poio en Poio; CEIP San Martíño de Salcedo e Los Sauces en Pontevedra; CEE de Vilagarcía, IES Illa de San Simón en Redondela; IES Ribeira de Louro en O Porriño; CEIP A Pedra en Bueu; CEIP Randufe en Tui; CEP Xesús Ferro Couselo en Valga; e Asociación Avelaíña en Baiona e CEIP Serra Vincios en Gondomar, no Val Miñor.

As actividades dispoñibles consisten fundamentalmente en propostas presenciais “atractivas” para o alumnado , mantendo a grandes liñas o proxecto educativo, pero incorporando novas actividades como ‘O Xiravai de Ecocol’, sobre como o compost axuda a coidar a terra; ‘Experiencias co PH do solo’, sobre a calidade do solo, o seu PH e as opcións de cultivo máis axeitado segundo a tipoloxía de cada un e as achegas de compost. Tamén se manteñen outros obradoiros como o xa coñecido ‘Xogo da miñoca’, ‘Quen vive aí?’, ‘Intrusos no composteiro’ ou ‘Microcompostaxe na aula’.

Ata o de agora pasaron polas actividades lúdicas do Revitaliza realizadas a través do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) milleiros de alumnas e alumnos (arredor de 35.000), que coñeceron a compostaxe e concienciáronse da necesidade de tratar os residuos de maneira ambientalmente sustentable.

A pesares do parón motivado pola suspensión de clases en marzo de 2020, o interese polo programa está claramente ‘in crescendo’, sendo solicitado incluso polos concellos para os seus obradoiros e campamentos de verán tanto no pasado ano como neste.

- Publicidade -spot_img

Publicidade
Publicidade