spot_img
InicioVal MiñorBaionaO Rei Juan Carlos preside no Monte Real Club de Yates a...

O Rei Juan Carlos preside no Monte Real Club de Yates a entrega de premios do Trofeo Príncipe de Asturias

El Rey Juan Carlos entregó la mención de honor a los chicos de la Escuela de Vela Adaptada del Monte Real - Foto Lalo R. Villar (Copiar)

O club baionés entregou, ademais, unha mención especial aos alumnos do Centro Juan María de Nigrán para persoas con discapacidade, que este fin de semana tamén participaron na competición

O Rei Juan Carlos presidiu onte en Baiona a entrega de premios do Trofeo Príncipe de Asturias, organizado polo Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar de Marín. O monarca emérito recolleu, ademais, no club baionés, un dos premios da clase Storax 6m, na que navegou con Pedro Campos a bordo do Gallant, conseguindo o segundo posto da xeral.

Por diante do Rei na clasificación dos 6m situouse o vigués Miguel Lago que, a bordo do Alibaba II do Royal Thames Yacht Club, completou dúas fantásticas regatas nesta trixésimo primeira edición do Príncipe de Asturias. Pechou o podio de gañadores da clase o Erica de Violeta Álvarez, que correu polo Royal Yacht Squadron.

Na competición dos grandes barcos, a vitoria foi para o Aceites Abril dos irmáns Luís e Jorge Pérez Canle, do Náutico de Vigo. Venceron na clase Optica Studio ORC 1 deixando o segundo e terceiro posto do podio ao Fifty by Storax do portugués Rui Ramada, do Monte Real; e o Arroutado de José Manuel Pérez, de Portosín.

Na clase Aceites Abril ORC 2, o Movistar, intratable en todas as probas, volveu impoñerse unha vez máis no trofeo baionés. Patroneados nesta ocasión por Willy Alonso, os de Sanxenxo superaron ao Solventis de Malalo Bermúdez, do Monte Real; e ao Inosa de Fran Edreira, do Mariña Sada, que quedaron segundo e terceiro respectivamente.

O Bunda de Jacobo Solorzano, do Real Club Náutico da Coruña, foi o claro vencedor na clase Gadis ORC 3. Completaron o podio dous barcos do club organizador, a Burla Negra de Juan José Martínez e o Unus de Luís Manuel García.

A vitoria da clase Coca Cola ORC 4 foi para o Aeris do Royachts Club, con Mariano Deus aos mandos. O portugués Frederico Lopes, logrou a segunda posición a bordo da súa Margem do Azul III; e o Albarellos de Fernando Rey, conseguiu un meritorio terceiro posto.

Na clase Bel and Bel ORC Open o triunfo foise para Vigo, da man do Deep Blue de Vicente Cid. O Pitoucho do Liceo Marítimo de Bouzas, patroneado por José Carlos Ruiz, fíxose coa prata e o bronce leváronllo os coruñeses do Vilán, con Luís Bodelón á cabeza.
O Pingüín Uno de Carlos Romeu, de Canido; o Belisa de José Manuel Cores, da Agabace; e o Arousa da Armada, patroneado por Óscar Ortega, foron os gañadores na clase Vanguard Clásicos.

Nesta trixésimo primeira edición do Trofeo Príncipe de Asturias tamén saíron á auga os monotipos J80, que puideron disputar un total de sete probas nos tres días que durou a competición. O vencedor foi o Okofen de Javier da Gándara, que correu lucindo grímpola do Monte Real. O Mariña Coruña, de Pablo Martínez e o Miudo by Storax de Francisca Barros, pecharon o podio de gañadores.

Na HOLA! Ladies Cup, na que competiron algunhas das mellores patroas de España, venceu o HOLA! liderado por Elena Saez, do Real Club Náutico de Barcelona. O HELLO! Fashion Monthly de Marta Ramada e o Fashion HOLA! de Amparo Mollá, tamén recolleron trofeo, como segundas e terceiras clasificadas.

Na gala de premios celebrada en Baiona tamén se entregou o trofeo Conde de Barcelona Don Juan de Borbón ao mellor barco con tripulación portuguesa e o copón do IV Circuíto Atlántico de Cruceiros. Ambos os premios levoullos o Fifty by Storax de Rui Ramada, do Monte Real.

O club baionés entregou, ademais, unha mención especial aos alumnos do Centro Juan María de Nigrán para persoas con discapacidade, uns mozos e mozas que durante todo o ano navegan na Escola de Vela Adaptada do Monte Real, e que este fin de semana tamén participaron na competición. Recibiron a distinción de mans do Rei Juan Carlos, estrela sen ningunha dúbida da trixésimo primeira edición do Trofeo Príncipe de Asturias.

Concluída a súa regata máis emblemática, que organiza de forma ininterrompida desde 1986, o Monte Real Club de Yates pon a vista xa nas súas próximas competicións, que regresan no outono coa liga de J80.

- Publicidade -spot_img