spot_img
InicioBaixo MiñoO proxecto 'Explanada do Horizonte' de Portecelo no Rosal, distinguido nos Premios...

O proxecto ‘Explanada do Horizonte’ de Portecelo no Rosal, distinguido nos Premios Gran de Area 2020 do Colexio de Arquitectos de Galicia

O proxecto 'Explanada do Horizonte' de Portecelo no Rosal, distinguido nos Premios Gran de Area 2020 do Colexio de Arquitectos de Galicia
Foto/Concello do Rosal

Este proxecto que tiña como obxectivo a reforma integral e mellora paisaxística, permitiu dotar a Portecelo dunha nova área de esparexemento e acondicionar o tramo do Camiño de Santiago da Costa que pasa ao longo do municipio.

Tras meses de intenso traballo administrativo para conseguir as autorizacións necesarias para o desenvolvemento da obra, dende esta mesma semana veciñanza pode desfrutar nesta zona dunha área de descanso, dun merendeiro, dun miradoiro e dun aparcamento. Todo acondicionado co obxectivo de poñer en valor a paisaxe, recuperar os ecosistemas da zona e rexenerar as áreas de descanso dun tramo que consta de elementos naturais que o converten nun conxunto único en Europa.

O acto de inauguración oficial desta nova zona de lecer deseñada pola arquitecta rosaleira María Fandiño celebrarase en vindeiras datas.

Neste tramo do Camiño de Santiago non existían paradas para peregrinos, polo que a ‘Explanada do Horizonte’, chea de escombros dende os anos 70, converterase dende agora nun punto neurálxico ao situarse á metade da ruta ao seu paso polo Rosal. A través deste proxecto creouse un miradoiro ao mar e á Serra da Groba e mellorouse a calidade ambiental da zona, repoboándoa con especies autóctonas, eliminado o recheo e creando novas terrazas de pedra que servirán para novos usos.

A ‘Explanada do Horizonte’ será unha ferramenta coa que potenciar tamén o Camiño de Santiago, xa que nela márcanse os puntos de parada onde o valor paisaxístico é maior, potenciando a repoboación de arborado e sinalizando elementos culturais situados na contorna, como o petróglifo Laxe do Lapón.

Premios Gran de Area 2020

O proxecto de acondicionamento dos espazos públicos da ‘Explanada do Horizonte’ vén de ser distinguido cun dos Premios Gran de Area 2020 de Aportación á Arquitectura, unha aposta do Colexio de Arquitectos de Galicia para o recoñecemento do traballo de arquitectos, promotores, aparelladores e construtores nas obras e proxectos de calidade desenvolvidos nas demarcacións de Vigo, Ourense e Pontevedra. Estes galardóns recoñecen obras que axudan a mellorar a contorna e sexan expresión da cultura arquitectónica e dos valores colectivos desta sociedade e deste tempo. Dende o Concello quérese felicitar unha vez máis á arquitecta do proxecto, María Fandiño, polo gran traballo feito na revalorización e mellora deste espazo.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.