Os equipos xestores de ideas de negocio tan variadas como unha empresa de comercialización de pan e empanadas elaboradas con fariña de castaña competirán con outros que teñen un proxecto de empresa que quere producir e comercializar de extractos de algas para o sector cosmético e nutracéutico e con outros que se basean nunha nova tecnoloxía patentada no campo dos electrolizadores con aplicación na limpeza de motores e con outra que consiste nunha plataforma online que une aos amantes da alta cociña cos mellores restaurantes.
Estes son só algúns dos exemplos de novos negocios que se defenderán durante mañá venres, na sede da CEL de Lugo, e ao día seguinte, sábado, no centro de negocios de Porto do Molle, en Nigrán, durante as xornadas denominadas ‘Demo Day’ da 3ª edición do programa de aceleración de empresas ViaGalicia que promoven conxuntamente a Xunta de Galicia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo.
Nestas respectivas xornadas, cada grupo dos 20 equipos que superaron satisfactoriamente o programa de capacitación de Academia na sede de Lugo e na sede de Porto do Molle, presentarán os seus proxectos ante un xurado composto polo comité técnico de ViaGalicia, os representantes das entidades colaboradoras do programa e por representantes de centros tecnolóxicos. Desta selección sairán os 15 proxectos que recibirán unha proposta formal de financiamento e unha invitación para incorporarse á Aceleradora de Empresas que se desenvolverá no Centro de Negocios en Porto do Molle, en Nigrán, onde participarán en actividades orientadas á saída ao mercado das súas empresas coas maiores posibilidades de éxito. A lista de proxectos seleccionados publicarase na páxina web da aceleradora o vindeiro venres 29 de xaneiro e a fase de Aceleración desenvolverase entre os meses de febreiro e agosto no centro de negocios de Porto do Molle.
Nesta 3ª edición, os 15 proxectos seleccionados para a fase de aceleración que agora se inicia accederán, ademais da unha intensiva formación personalizada, ata a un máximo de 125.000 euros en forma de capital semente baixo as seguintes modalidades de financiamento: unha subvención a fondo perdido da Axencia Galega de Innovación (GAIN) de ata un máximo de 25.000 euros, ampliable en 5.000 euros para aqueles proxectos rexistrados inicialmente na sede de Lugo; un préstamo participativo con opción de capitalización de Xesgalicia, sociedade de capital risco vinculada á Xunta de Galicia, de ata un máximo de 50.000 euros; e, un préstamo participativo con opción de capitalización de Vigo Activo, sociedade de capital risco vinculada ao Consorcio Zona Franca de Vigo, de ata un máximo de 50.000 euros.
Tanto polo financiamento que se ofrece como pola calidade das titorías de negocio que preparan aos diferentes grupos de empresarios, ViaGalicia mereceuse a distinción de ser nunha das principais aceleradoras de empresas de toda España.




