spot_img
InicioGaliciaO programa de desestacionalización turística Elixe Galicia, premio Fitur ao mellor produto...

O programa de desestacionalización turística Elixe Galicia, premio Fitur ao mellor produto de turismo activo

O programa de desestacionalización turística Elixe Galicia, premio Fitur ao mellor produto de turismo activoO programa creado o ano pasado pola Xunta para fomentar o turismo interno e a desestacionalización, Elixe Galicia, vén de ser recoñecido a nivel internacional como un dos gañadores do premio Fitur ao mellor produto de turismo activo na categoría nacional.

Trátase dun recoñecemento que conta cun recoñecido prestixio no sector turístico ao tratarse dunha convocatoria anual realizada conxuntamente pola Feira Internacional de Turismo Fitur e a revista Aire Libre.

Nesta XXVI edición do concurso presentáronse un cento de candidaturas aos premios, que foron votados entre profesionais do sector, prensa especializada e público xeral. O programa Elixe Galicia resultou gañador xunto con outros tres produtos de turismo activo -La aventura del Santo Grial en Valencia; Val D’Aran Walking Festival de Lleida e o Barranco de la Leze, en Álava. O premio tamén conta cunha categoría internacional, que recaeu en propostas de Corea e Bulgaria.

Con este novo recoñecemento, que se entregará oficialmente durante a celebración da vindeira edición de Fitur, Galicia suma o quinto galardón nesta categoría, despois de ter recibido este premio nas edicións de Fitur de 2010 (Bono Iacobus), 2015 (Trens Turísticos), 2016 (Outono Gastronómico) e 2018 (Experencias nos Parques Nacionais de Galicia). O feito de recibir estes premios acredita aos gañadores a exhibir o selo do concurso, incluílo en todos os soportes físicos e dixitais e obter unha difusión a nivel nacional e internacional por parte da organización de Fitur.

Estímulo para a actividade turística

Elixe Galicia foi deseñado e posto en marcha pola Xunta de Galicia o ano pasado cun investimento de 1,4 millóns de euros antes do comezo da pandemia. Composto por paquetes turísticos comercializados por axencias de viaxes e dirixido a un diferentes colectivos -mozos menores de 30 anos, familias e pensionistas de máis de 55 anos -, o seu obxectivo é o de difundir o turismo interno, potenciar a dinamización económica, estimular a actividade turística fora da tempada alta e animar aos galegos a mellorar o coñecemento da súa propia terra.

A pandemia obrigou a interromper a campaña pero a Xunta de Galicia contempla retomar a iniciativa este ano, cando as condicións sanitarias o fagan posible, para o que ten previsto investir outros 1,3 millóns de euros xa que o actual contexto reforza aínda máis o seu sentido ao permitir afondar nas necesidades do sector, xerando liquidez e incentivando o consumo.

- Publicidade -spot_img