O vindeiro luns 9 de marzo ás 13 horas a Deputación de Pontevedra presenta, no IES María Soliño, Mulleres en Acción Violencia Zero ‘O mito que mata’, con Sheyla Fariña
Tras 85 accións artísticas por toda a provincia, que visibilizaron a case un centenar de artistas e implicaron a milleiros de persoas, o programa “Mulleres en acción: Violencia zero” chegou a súa 5.ª edición. Catro anos despois, con responsabilidade e emoción, volvese ás raíces, á semente: a performance. Así mesmo, o programa, que comenzou en novembro, está a desenvolver un total de 25 novas accións participativas ao longo dos 12 meses do ano, en 25 concellos da provincia, e sumará outras disciplinas:
- Poesía e literatura (Nuria Vil e Vanessa Glemel, Rosalía Fernández Rial, Silvia Penas e Lúa Mosquetera)
- Música (Pauliña, Zeltia, Laura LaMontagne, Las Antonias, DJ Russinha e Somdolilá)
- Graffiti (Laura Tova, Ana Santiso, Iria Prol e Julieta XLF)
- Danza contemporánea (Elahood Dance, Rut Balbís, Cris Vilariño e Ana Serantes)
- Acción escénica (Mónica Sueiro, Estíbaliz Veiga, Sheyla Fariña, Carmen Méndez e Diana Sieira, esta última na modalidade de monólogo mesturado con poesía).
Todo un ano visibilizando esta realidade en contacto e colaboración coa mocidade, co alumnado de centros escolares, asociacións de mulleres, diversos colectivos, corporacións municipais e toda a diversidade de públicos que se poden focalizar nunha praza, nunha rúa, nun lugar de tránsito. E a través do apoderamento da muller no eido cultural e artístico.
Esta 5.ª edición supón a consolidación dun programa que, alén da Deputación de Pontevedra, que o promove e organiza, xa é da cidadanía, enche a rúa de reivindicación e activismo e propaga a nosa semente de igualdade.
A acción:
Existe o amor, existen as persoas románticas, existe o amor romántico e un mito sobre el que nos ensinan desde que nacemos. Na vida, nas escolas, na televisión, na literatura, na publicidade… É un mito que se interioriza de tal xeito que acabamos adoptando comportamentos insáns, tóxicos e mesmo perigosos, comportamentos que hai que analizar e sobre os que se debe reflexionar para desmontar un mito terrible, un mito que, na súa forma máis extrema, mata.
CV Sheyla Fariña (Tordoia, A Coruña, 1986)
Actriz galega de teatro, televisión e cinema, licenciada en Arte Dramática e con experiencia docente e no ámbito da educación social. Comeza a súa carreira profesional cunha personaxe secundaria na serie de TVG Valderrei, e logo alterna a súa formación con outros proxectos audiovisuais coma Vilamor, Serramoura, Acacias 38, Vidago Palace ou Pazo de familia.
O seu último proxecto audiovisual é a película galega María Solinha, que se estreará a mediados do ano 2020. Fai teatro desde nena na escola e posteriormente en compañías afeccionadas ata que entra na compañía de teatro Redrum, de Santiago de Compostela, coa que traballa en varias montaxes de teatro infantil coma Roedores, A nena que quería navegar e Contos do recreo. Actualmente é unha das actrices de Invisibles, de Redrum Teatro, un espectáculo impulsado por ela mesma e baseado na novela homónima de Montse Fajardo, na que se contan sete historias reais de sete vítimas de violencia de xénero. Implicada en accións feministas e en contra da violencia de xénero, colaborou en varias ocasións coa Rede de Mulleres de Vigo contra os Malos Tratos e coas ONG InterRed e Feminista Ilustrada.




