spot_img
InicioVigo e áreaVigoO presidente fundador de Terras Gauda, José María Fonseca Moretón, recibe a...

O presidente fundador de Terras Gauda, José María Fonseca Moretón, recibe a Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou a importante traxectoria de José María Fonseca ao entregarlle a distinción ante máis dun centenar de representantes do mundo empresarial, social e político

Revista COUSAS DE Nº15

O presidente do Grupo Terras Gauda, José María Fonseca Moretón, recibiu a Medalla de Ouro do Círculo de Empresarios de Galicia no seu XXX aniversario. Entregoulle esta distinción o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen tivo palabras de eloxio para o homenaxeado pola súa longa e prolífica traxectoria profesional.

Máis de cen representantes do mundo empresarial, social e político asistiron á cerimonia, que contou coa presenza do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, o delegado do Estado en Zona Franca Vigo, David Regades, o conselleiro de Medio Rural, José González, a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, entre outras personalidades.

No seu discurso, o presidente do Grupo Terras Gauda, José María Fonseca Moretón, rememorou as orixes do grupo vitivinícola: “Estaba convencido do que quería facer: viños singulares na mellor tradición do Rosal, poñendo en valor as variedades autóctonas desde o máximo respecto ao terruño, que tanto amamos nesta terra. En Terras Gauda apostamos forte polo I+D+i como elemento diferenciador e para preservar o noso legado. Hoxe podemos presumir de nosas tres patentes e un secreto industrial. Tamén do premio da Real Academia Galega das Ciencias, compartido co CSIC, polo noso traballo na selección clonal de Albariño. Agora estamos involucrados coa viticultura de precisión, a sustentabilidade e a economía circular, en definitiva, buscando sempre a excelencia co máximo respecto ao medio”.

Así mesmo, referiuse á Bienal de Cartelismo Terras Gauda – Concurso Franciso Mantecón, “que deu a Vigo e, por suposto, á adega, unha proxección internacional inmensa, vinculándonos á vangarda artística dos cinco continentes. Hoxe a nosa cidade ocupa un lugar preeminente no cartelismo, debo dicir, sen falsa modestia, que nosa bienal converteuse nun deses grandes referentes mundiais xunto cos de Varsovia, en Polonia, a de México DF e Graphis, en Nova York”.

José María Fonseca recoñeceu que “traballamos moi duro ata chegar ao grupo adegueiro, asentado en catro das zonas vitivinícolas de referencia en España e con presenza en máis de 70 mercados internacionais, que somos hoxe en día: Terras Gauda (Rías Baixas), Bodegas Pittacum (Bierzo), Quinta Sardonia (Sardón de Douro), a Compañía de Viños Heraclio Alfaro (Rioxa). Síntome especialmente orgulloso deste fito e de ser a primeira adega galega que desembarcou na Rioxa facendo o camiño ao revés”. Do grupo forma parte tamén A Rosaleira.

Na súa lista de agradecementos, o presidente lembrou a todos os que contribuíron á consolidación do grupo adegueiro, especialmente ao seu equipo humano e á súa familia, presentes no acto. “Satisfaime enormemente recibir esta medalla de ouro porque para min é o recoñecemento ao traballo ben feito por parte de moitas persoas durante moitos anos”, finalizou.

O presidente do Círculo de Empresarios de Galicia, Manuel Rodríguez, resaltou, pola súa banda, o extenso percorrido profesional do José María Fonseca, ao que definiu como “polifacético, porque é funcionario, empresario de referencia no sector vitivinícola á fronte do Grupo Terras Gauda, músico e fundador da Roda, intérprete nun longo proxecto de amizade e música, “Con la Venia” e ocupa unha cadeira de brazos da Real Academia de Gastronomía. Destacou, así mesmo, o seu optimismo e carácter emprendedor, “sempre sustentado nun equipo humano que levou a Terras Gauda a facturar 18 millóns de euros en 2021, en pleno escenario postpandemia”.

- Publicidade -spot_img