O proxecto “ Living Ports” do Porto de Vigo resultou finalista dos Premios Mundiais á Sustentabilidade 2022 que organiza a Asociación Internacional de Portos ( IAPH). A categoría na que compite nesta ocasión é a de “Infraestruturas” e foi seleccionado tras a súa avaliación positiva por parte dun xurado de expertos. Os competidores aos que terá que enfrontarse son portos da categoría de Róterdan ou Vancouver, os outros dous finalistas.
O seguinte paso, antes da elección definitiva do gañador, é o lanzamento dunha votación pública sobre o programa de Sustentabilidade dos Portos Mundiais que abriu o prazo onte luns 21 de marzo ás 12 h. na ligazón convidase ao público para votar polos seus favoritos entre os tres proxectos finalistas por categorías. O público ten ata o 18 de abril a medianoite para emitir os seus votos.
O público ten ata o próximo 18 de abril para votar polo proxecto “ Living Ports” na seguinte ligazón: https://sustainableworldports.org/iaph-sustainability-awards-2022/vote/
O resultado da votación pública (30%), xunto co da avaliación do xurado de expertos (70%), determinará conxuntamente os gañadores dos Premios. Os premios entregaranse durante a Conferencia Mundial de Portos que terá lugar o próximo 17 de maio en Vancouver (Canadá).
O proxecto do Porto de Vigo
O proxecto do Porto de Vigo seleccionado para estes “Óscar do Medio Ambiente” (“ Living Ports”) ten como obxectivo a redución da pegada de carbono e está financiado pola Comisión Europea. Está deseñado para catalizar un cambio fundamental nas operacións da industria de infraestrutura costeira e mariña, ao afastarse dunha construción obsoleta “gris” cara a outra inclusiva coa natureza e con beneficios colaterais estruturais, ambientais e socioeconómicos.
O consorcio que leva a cabo este proxecto está formado por catro socios de tres países, entre os que se atopa o Porto de Vigo e o estaleiro vigués de Cardama.
As actuacións que se realizan en Vigo van encamiñadas a compatibilizar as actividades portuarias industriais co adecuado estado ecolóxico da zona intermareal. O orzamento total do proxecto ascende a 3,1 millóns de euros, dos que a UE financia 2.484.293.
Dúas actuacións
No Porto de Vigo realizaranse concretamente dúas actuacións. Unha delas terá lugar na dársena da Laxe, onde se instalará un observatorio submarino deseñado polo estaleiro Cardama. Este visor servirá para observar a flora e a fauna existentes no Porto de Vigo, que colonizarán as estruturas instaladas, e contará con 310 m2, cinco estruturas ancoradas á parede do peirao que está a deseñar actualmente a empresa israelí ECOncrete, e completarase con catro pantaláns flotantes e dúas pasarelas de acceso.
Trátase dunha ferramenta de observación e monitoraxe única con obxectivos recreacionales, divulgativos, educacionales e tamén de concienciación cidadá. O deseño realizarase a medida para optimizar a visibilidade do ecosistema e a súa relación coas infraestruturas portuarias.
A outra actuación que expón o proxecto seleccionado para os “Óscar do Medio Ambiente” terá lugar no dique da terminal de coches de Bouzas. Neste espazo instalaranse un centenar de pezas de formigón deseñadas con principios ecolóxicos-biolóxicos.
O proxecto presentado polo Porto de Vigo pódese consultar no seguinte link: https:// sustainableworldports. org/ project/ port- of- vigo- living- ports/




