spot_img
InicioVigo e áreaVigoO Porto de Vigo contará en 2024 coa 1ª Estación Pública de...

O Porto de Vigo contará en 2024 coa 1ª Estación Pública de Hidróxeno Verde de Galicia

O Porto de Vigo contará en 2024 coa 1ª Estación Pública de Hidróxeno Verde de GaliciaTrátase dunha iniciativa pioneira e singular na xeración e dispensado de hidróxeno verde liderada pola Autoridade Portuaria de Vigo dentro da súa estratexia de Crecemento Azul

Revista COUSAS DE nº14

Seguindo as directrices das actuacións enmarcadas na súa estratexia Blue Growth 2021-2027, a Autoridade Portuaria de Vigo lidera unha iniciativa que permitirá dispoñer non só da primeira estación pública de Galicia de hidróxeno verde, senón tamén, empregar este combustible verde na mobilidade terrestre, marítima e industrial.

Así o anunciou o presidente da Autoridade da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, na presentación oficial do proxecto, na que estivo acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro delegado da firma Julio Verne Hidróxeno Porto de Vigo, SL, Julio Hidalgo.

Segundo destacou Vázquez Almuiña, trátase dunha iniciativa pioneira e singular na xeración e dispensado local de hidróxeno verde que xa foi recoñecida pola Asociación Europea de Portos (ESPO) como exemplo de boas prácticas, e diferenciarase doutros proxectos, tanto en España como a nivel internacional, por contemplar a implantación dunha estación de hidróxeno de acceso público na zona portuaria e, ao mesmo tempo, por facilitar o seu uso para diferentes aplicacións de mobilidade terrestre e propulsión mariña.

Este proxecto, coñecido como “Julio Verne” servirá para demostrar a viabilidade técnico-económica da xeración e dispensado de hidróxeno verde na loxística portuaria e iniciará o desenvolvemento das aplicacións necesarias para o seu uso na mobilidade marítima como elemento diferenciador e de liderado para Galicia nestas tecnoloxías.

Así mesmo, este proxecto, liderado polo Porto de Vigo dentro da súa aposta polo Crecemento Azul, desenvolverá a cadea de valor do hidróxeno verde non só en Vigo e a súa área de influencia, senón tamén en Galicia, coa xeración de emprego de calidade e a creación e diversificación de empresas no uso destas tecnoloxías, ademais do desenvolvemento, formación e crecemento en I+D+i a través dos centros tecnolóxicos punteiros dos que dispón a Comunidade.

Participantes

O proxecto “Julio Verne” xorde da colaboración entre a Autoridade Portuaria de Vigo e as empresas promotoras do mesmo: Univergy, Quantum Group, Soltec Enxeñeiros e o Centro Tecnolóxico Anfaco Cecopesca. Ademais, participan como colaboradores técnicos, asociacións como Aclunaga, os centros tecnolóxicos CTAG e ENERGYLAB e as empresas Neuwalme e Exportrends. Todos eles combinan coñecemento, experiencia e capacidade técnica e comercial para desenvolver con éxito e solvencia un proxecto desta relevancia.

Revista COUSAS DE nº14

Tamén están interesadas e apoian o proxecto máis de 15 empresas de operacións portuarias e de transporte terrestre, así como o armador de barcos Botamavi e o estaleiro Aister, que declararon o seu interese no desenvolvemento e operación das aplicacións de consumo de hidróxeno verde.

Alcance do proxecto

Para a produción de hidróxeno verde utilizarase, nunha primeira fase, un electrolizador de 1,4 Mw de potencia que xerará preto de 570 kg diarios de hidróxeno (213 tm/ano), suficientes para abastecer unha frota equivalente de entre 35 e 45 vehículos pesados, aos que se unirán un ou dous barcos de pequena eslora para operacións portuarias.

Situación actual

Actualmente, presentouse o proxecto, que supoñería un investimento inicial de 6M€, aos fondos “Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia”. A empresa Julio Verne Hidróxeno Porto de Vigo, SL, xa solicitou a concesión e o proxecto está en fase de exposición pública. Así mesmo, o 80% do consumo de hidróxeno xa está pechado para o seu uso industrial. A planta estará operativa en xaneiro de 2024.

 

A Ría de Vigo

Tal e como subliñou Vázquez Almuiña, na Ría de Vigo e as súas áreas portuaria e metropolitana danse as condicións ideais para o desenvolvemento da cadea de valor do hidróxeno verde polo seu rico e variado ecosistema empresarial, xa que aglutina ao sector da automoción, o naval, o pesqueiro e o do transporte.

Así mesmo, polas súas características xeográficas, a Ría de Vigo tamén presenta o escenario ideal para o ensaio intensivo de prototipos de barcos de pequena/mediana eslora e curtos percorridos, similares a outras iniciativas parecidas que xa existen en Noruega ou California.

“Trátase de dar un bo impulso económico e social por parte da Autoridade Portuaria de Vigo, como líder e facilitador do proxecto, á zona, mediante a implantación deste novo vector enerxético xunto aos seus beneficios para o desenvolvemento das empresas locais, o que á súa vez xerará emprego de calidade e duradeiro”, subliñou.

Julio Verne e a baía de Vigo

O proxecto recibe o nome de “Julio Verne” porque, ademais da coñecida cita no seu libro “A Illa Misteriosa” sobre o hidróxeno (“…algún día empregarase a auga como combustible, ese hidróxeno e osíxeno que a constitúen, usados sós ou xuntos, proporcionarán unha fonte inesgotable de calor e luz, dunha intensidade da que o carbón non é capaz. …”), o famoso escritor francés ten unha especial relación coa Ría de Vigo.

A baía de Vigo cítase expresamente no seu libro “20.000 leguas de viaxe submarina” (“ …bo, profesor Aronnax, respondeume o capitán Nemo, en realidade estamos nesa baía de Vigo, e o único que queda é que Vostede indague os misterios do lugar…“) á que, un 18 de febreiro de 1868 (na ficción do libro), chegou o Nautilus capitaneado por Nemo en busca do tesouro supostamente afundido xunto aos galeóns na “Batalla de Rande” que tivo lugar na Ría en outubro de 1702, durante a Guerra de Sucesión Española.

Folla de ruta

A Folla de Roteiro do hidróxeno en España prevé unha primeira fase de instalación de 600 MW de potencia en electrolizadores para 2024 e, polo menos, 4 GW para 2030.

Nese mesmo horizonte temporal, a Estratexia Europea do Hidróxeno establece como obxectivo para Europa a instalación de 6 GW (2024) e 40 GW (2030) de electrolizadores.

Europa está a facer unha aposta moi forte polo uso masivo do hidróxeno verde para acelerar a transición enerxética. As estimacións máis conservadoras indican que será necesario triplicar a potencia renovable instalada actualmente para poder cumprir, nos próximos anos, o obxectivo dunha economía neutra en emisións para o ano 2050.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.