·Publicidade ·spot_img
InicioGaliciaO Pórtico da Gloria reabre ás visitas cun programa de acceso gratuíto

O Pórtico da Gloria reabre ás visitas cun programa de acceso gratuíto

O Pórtico da Gloria reabre ás visitas cun programa de acceso gratuítoDesde o día 14 de abril e tras varios meses pechado debido ás consecuencias da pandemia por Covid19, pode visitarse de novo o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago

O sistema de visitas segue o modelo iniciado en 2018, tras a restauración do monumento, con acceso controlado, en grupos reducidos, de maneira que se poidan manter as condicións necesarias para a súa conservación. Esta reapertura realízase grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo, e foi presentada onte polo Deán da Catedral, José Fernández Lago, o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo e o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

Nunha primeira fase, o Pórtico poderá visitarse de forma gratuíta, en grupos limitados a un máximo de 20 persoas, con acceso desde o interior da catedral. A colaboración establecida entre a Xunta de Galicia e a Fundación Catedral permitirá a posta en marcha deste programa de visitas, para o que será necesario retirar, previamente, unha invitación no lugar habilitado para iso na área de recepción do Museo Catedral situado na Praza do Obradoiro, onde tamén se permitirá o acceso gratuíto á Sala do Coro pétreo do Mestre Mateo e á de arqueoloxía do Museo Catedral.

O horario de atención ao público deste espazo será de martes a sábado de 10,00 a 14,00 horas. Cada persoa poderá retirar un máximo de 2 invitacións.

O horario de visitas debeu adaptarse á celebración da liturxia no altar maior da catedral e será o seguinte:

De martes a sábado, de 10,00 a 11,30 / de 13,00 a 14,30 e de 16,00 a 18,00 horas

Domingos, de 10,00 a 11,30 e de 13,00 a 14,30 horas

Luns pechado

A visita será libre e individual, cunha duración máxima de 25 minutos. Con carácter complementario, a Fundación Catedral poñerá ao dispor dos visitantes a posibilidade de descargarse unha App de visita, así como a adquisición dunha guía explicativa, que estará dispoñible na propia área de recepción do Museo.

Para maior información sobre estes produtos e, en xeral, sobre o programa de visitas, pode consultarse a páxina web www.catedraldesantiago.es. Tamén estarán dispoñibles os números de teléfono 675302390 – 981552985 e o correo electrónico visitasportico@catedraldesantiago.es.

Nunha segunda fase, o programa manterá a estrutura comentada, pero o acceso realizarase desde a Cripta do Pórtico da Gloria, na que, nestes momentos, están a rematarse os traballos de restauración. Deste xeito, a visita permitirá un completo percorrido polo conxunto arquitectónica do Pórtico da Gloria, parte fundamental do proxecto dirixido na catedral polo Mestre Mateo.

Para unha última fase, cando a situación sanitaria permítao, prevese combinar, a partes iguais, as visitas gratuítas e de pago, en todos os casos, en grupos reducidos, previa reserva de praza e con acceso a través da Cripta do Pórtico da Gloria.

Polo que se refire á estrutura de madeira que protexe o Pórtico da Gloria, esta será necesaria mentres non se garantan as adecuadas condicións ambientais no interior da catedral, xa que o Pórtico da Gloria e a súa policromía son altamente sensibles aos cambios bruscos de humidade e temperatura. Nestes momentos, os técnicos están a estudar as medidas para adoptar para mellorar estas condicións no templo e, unha vez quede solucionada esta cuestión, non antes, será posible retirar este encapsulamiento de protección.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies