A Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutras Ethel Vázquez, anunciou hoxe que o Plan de transporte metropolitano da área de Vigo estará plenamente operativo desde o vindeiro luns, 27 de abril.
Vázquez, quen participou hoxe no almorzo coloquio Vigo, a construción dun motor económico de país, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, salientou que desde hoxe os cidadáns desta área metropolitana xa poden mercar nas oficinas de Abanca as tarxetas que darán acceso a este servizo que xa funciona con éxito nas áreas de Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo.
Trátase dun sistema intermodal, xa que no caso de Vigo inclúe autobús e transporte de ría, que conectará os cidadáns dos concellos veciños con aforros medios nos billetes do 50%. En concreto, o plan botará a andar cos doce concellos da comarca que subscribiron o convenio: Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Redondela, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Pazos de Borbén.
A conselleira destacou que a posta en marcha deste servizo de transporte público, forman parte da aposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que Vigo “siga sendo o motor económico de Galicia”.
Ethel Vázquez destacou que a inminente posta en marcha do plan beneficiará a medio millón de veciños desta área e puxo en valor o traballo realizado polos concellos e técnicos que fixeron posible a culminación deste proxecto que suporá a mellora da calidade de vida dos cidadáns.
Aforros económicos
O emprego da Tarxeta de Transporte Metropolitano ofrecerá aos usuarios descontos medios do 50% nas viaxes metropolitanas. Así mesmo, os usuarios recorrentes, é dicir, aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun mes, terán unha bonificación adicional do 15% e os membros de familias numerosas obterán descontos de entre o 20% (categoría normal) e o 50% (familia numerosa especial). Estas bonificacións adicionais serán contabilizadas e procesadas e o sistema realizará unha recarga dous meses despois na tarxeta con tan só introducila no caixeiro automático.
O portal web do Transporte Metropolitano de Galicia, http://tmg.cmati.xunta.es/, ofrece información precisa sobre o procedemento de recarga na rede de caixeiros electrónicos e nas oficinas desta entidade, así como unha detallada explicación do seu funcionamento e das súas vantaxes, incluíndo os cambios que supón en canto ao abaratamento das viaxes e a bonificación dos transbordos.
En termos xerais os prezos das viaxes varían en función do número de saltos definidos entre a zona de orixe e a zona de destino da viaxe . Por exemplo, para unha viaxe no transporte metropolitano desde calquera localidade do concello de Baiona ata calquera parada do concello de Vigo será catalogado como de 2 saltos, polo que o custe utilizando a tarxeta do transporte metropolitano de Galicia será de 1,30 euros. Antes da aplicación das novas tarifas asociadas ao plan, este mesmo desprazamento tiña un custe medio de 2,31 euros.
As tarxetas do Plan de Transporte Metropolitano xa están á venda nas seguintes oficinas da área de Vigo:
LOCALIDADE | ENDEREZO |
Baiona | R/Carabela A Pinta, 10 |
Sabarís- Baiona | R/ Julián Valverde, 1 |
Cangas | R/ Méndez Núñez, 13 e Av. Eugenio Sequeiros, 13 |
Aldán- Cangas | R/ San Cibrán, 17 |
Coiro- Cangas | Av. Ourense, 27 |
Hío- Cangas | Lg. Igrexario, 57 |
Fornelos de Montes | Pr. A Igrexa, 17 |
Moaña | R/ Concepción Arenal, 170 e R/ Ramón Cabanillas, 1 |
Domaio—Moaña | R/ Palmas, 85 |
Puxeiros– Mos | Av. Puxeiros, 52 |
Vigo | Av. García Barbón, 1 |
Nigrán | Av. Val Miñor, 1 |
Panxón– Nigrán | R/ Mariñeiro, 1 |
A Ramallosa- Nigrán | R/ Manuel Lemos, 1 |
Redondela | Pr. Ribadavia, 2 e R/ Alfonso XII, 1 |
Chapela- Redondela | Av. Vigo, 222 |
Cesantes– Redondela | R/ Alto do Tras, 23 |
O Porriño | R/ Ramón González, 19 |
Salceda de Caselas | R/ Victoriano Pérez Vidal, 1 |
Salvaterra de Miño | R/ do Miño, 17 |
Arcade- Soutomaior | Av. Xosé Solla, 1 |



