spot_img
InicioBaixo MiñoO piragüismo galego confirmou o seu dominio no Campionato de España de...

O piragüismo galego confirmou o seu dominio no Campionato de España de maratón

o-piraguismo-galego-confirmou-o-seu-dominio-no-campionato-de-espana-de-maraton

Óscar Graña e Ramón Ferro do Kayak Tudense, proclámanse campións de España (piragüismo) en Alange (Badaxoz) e logran a clasificación para o europeo de Ponche Lima.

O Campionato de España de Maratón celebrado este fin de semana en Alange (Badaxoz) confirmou o dominio galego na modalidade de maratón. A distancia longa do piragüismo deixábanos uns resultados que nos levan a pensar en medallas para as próximas citas internacionais a celebrar neste 2017.

As competicións daban comezo o sábado pola mañá coas regatas para as categorías xuvenís e veteranos. A media mañá dábanse as saídas das probas da categoría senior individual, onde se producían as primeiras medallas galegas do fin de semana.

O primeiro dobrete do día protagonizábano os padeeiros do Kayak Tudense Emilio Llamedo e Iván Alonso. Ambos chegaban aos metros finais da regata acompañados das outras dúas embarcacións de Luís Amado e Xavier Ruiz. A vitoria disputouse nun longo sprint no que levou o gato á auga Llamedo, segundo a menos dun segundo entraba Alonso, en terceira posición chegaría o asturiano Luís Amado. Con estes resultados os padeeiros tudenses conseguen a clasificación para o campionato de Europa e campionato do Mundo da distancia.

Na canoa senior Tono Campos reaparecía en competición oficial despois da lesión de pectoral que lle tivo apartado durante dous meses da práctica do piragüismo. O canoista do Grove chegou á competición de Alange nun gran estado de forma e colgouse a medalla de ouro, nunha proba na que os canoistas do Kayak Tudense, Manuel Garrido e José Luis Bouza cruzaron a liña de meta en segunda e terceira posición respectivamente. Campos e Garrido logran así a clasificación para o europeo de Ponte Lima e o mundial de Sudáfrica.

A canoa feminina tampouco defraudou nesta ocasión e Jenifer Casal do Club E.P. Cidade de Pontevedra proclamábase campioa de España en C1 senior, a segunda posición do podio conseguíaa a canoista do Breogán Lara Outón.

Na categoría Sub 23 conseguíanse dúas medallas máis para a delegación galega. Tania Álvarez do Breogán do Grove proclamouse campioa de España en K1 cunha cómoda vantaxe sobre as súas perseguidoras Lucía Arquero e Irati Osa, conseguindo o obxectivo de acudir ao europeo de Portugal. En canoa o deportista do Club Piragüismo Verducido Damián González cruzou a liña de meta en segundo lugar por detrás do canoista do Piragüismo Aranxuez Ignacio Calvo.

Na mañá do domingo celebrábanse as regatas das embarcacións dobres onde había varios billetes internacionais en xogo. A parella do Kayak Tudense de Óscar Graña e Ramón Ferro levaron a medalla de ouro en C2 por diante o grovenses Tono Campos e José Sánchez, con estes resultados o medallistas mundiais e europeos o ano pasado conseguen o seu pase para as regatas máis importantes do ano, a terceira posición leváronlla Miguel Castro e Adrián Lameiro tamén do Breogán.

A cara amarga do fin de semana leváronlla Iván Alonso e Diego Piña do Kayak Tudense. O actuais campións de Europa non poderán revalidade o título ao terminar terceiros nunha proba na que a mala sorte acompañoulles no tramo final da carreira. O forte vento que reinaba no campo de regatas fixo que se levantasen grandes ondas que dificultaban o paleo. A embarcación dos tudense empezouse a encher de auga na quinta volta, motivo polo cal Iván e Diego decidiron parar para baleirar a piragua, este feito deixoulles sen opcións de disputar a vitoria final.

O resto de categorías deixábannos varios metais con acento galego, Andrea Vázquez do Piragüismo Rías Baixas conquistou o ouro en C1 xuvenil, Joaquín Iglesias do Piragüismo Verducido foi terceiro en K1 cadete, Xavier Ordóñez do Club As Torres conseguiu a vitoria en C1 cadete, Iria Romero do Náutico Pontecesures foi bronce en C1 cadete e Elena Naveiro na modalidade de Paracanoe en categoría senior. A embarcación dobre do Piragüismo Illa de Arousa formada por Carlos Canón e David Mochales proclamouse campioa de España na categoría C2 xuvenil.

Os representantes na categoría veterano tamén conquistaron varias medallas durante o fin de semana. Jesús Rodríguez do Fluvial O Barco e Santiago Cruz do Náutico Firrete terminaron en primeira e terceira posición respectivamente en K1 do grupo de idade 35-39 anos, Juan Jesús Pazos do Piragüismo Vilaboa terminou en terceira posición en K1 de 45-49 anos, María Piñeiro do Fluvial Avión colgouse o ouro en k1 45-49 anos. Os canoistas do Kayak Tudense Rafael González e Gustavo López terminaron en segunda e terceira posición en 45-49 anos, Enrique Míguez conquistou a primeira posición en C1 50-54 anos.

Na modalidade de K2 o veteranos da categoría 35-39 anos lograron as tres primeiras posicións, Jesús Rodríguez formando tándem con Bernardo Sánchez do Fluvial O Barco foron primeiros seguidos de Javier Conde e David Portela do Piragüismo Vilaboa e Antonio Polo xunto con Ernesto Ganzedo do Grupo Xuvenil As Pontes. Por último a parella do Piragüismo Vilaboa de Juan Jesús Pazos e Juan Reguera levaron a medalla de prata en 45-49 anos.

- Publicidade -spot_img