spot_img
InicioPontevedra e ÁreaO Pazo da Deputación Provincial acolle a entrega de premios ao alumnado...

O Pazo da Deputación Provincial acolle a entrega de premios ao alumnado participante no programa Depoemprende na FP

O Pazo da Deputación Provincial acolle a entrega de premios ao alumnado participante no programa Depoemprende na FPO gañador do primeiro premio foi o proxecto “Local App” do EFA A Cancela do concello da Neves, unha aplicación para aumentar a actividade e visibilidade turística dos pobos

A deputada provincial, Montse Magallanes, participou está mañá no acto de presentación de proxectos impulsados polo alumnado participante no programa Depoemprende na FP, no que este ano participaron ao redor de 130 mozas e mozos de seis centros educativos de cinco concellos da provincia que hoxe asistiron ao salón de plenos da Deputación. Así, o primeiro premio foi para “Local App”, do EFA A Cancela das Neves, unha aplicación para aumentar a actividade e a visibilidade turística dos pobos. O segundo premio recibiuno “La 5ª provincia”, do CIFP Carlos Oroza; e o terceiro dos galardóns recaeu sobre “Systerra”, do IES Rodeira de Cangas.

Máis polo miúdo, no acto, denominado Demo Day, presentáronse un total de 10 proxectos levados a cabo polo alumnado de Formación Profesional que forman parte deste programa. Así, Miguel Fontán Celard e Santiago Jesús Varela Otero, alumnado do CIFP Carlos Oroza, presentaron “La 5ª provincia”, un restaurante que pretende conectar o mellor de Galicia e Sudamérica a través da fusión dos sabores de cada zona. Outras dúas alumnas deste mesmo centro, Ana María Otero Telmo e Carla Pumares Otero, idearon “Bon Voyage”, unha axencia de organización de viaxes especializada en experiencias gastronómicas ligadas á cultura e tradición de cada país ou rexión.

O CIFP Carlos Oroza, coa iniciativa “La 5ª provincia”, e o IES Rodeira de Cangas, con “Systerra”, recibiron o segundo e terceiro galardón respectivamente

O CFEA Lourizán presentou “Xesteira”, unha empresa de xestión cinexética e ordenación de TECORES a nivel autonómico no ámbito de Galicia. Os alumnos responsables deste proxecto son Sergio Sobral, José Prieto e Rubén Rozados. Outro proxecto deste mesmo centro foi “Green Pig”, unha granxa porcina ecolóxica que traballa cunha metodoloxía tradicional do extensivo para proporcionar carne ecolóxica e de calidade ao mercado, levado a cabo por Eva Bernárdez Ordás.

O proxecto “Systerra”, do IES de Rodeira, consiste nunha proposta tecnolóxica para ofrecer ao mundo agrario un control exhaustivo das plantacións en tempo real co fin de aumentar a produtividade e o rendemento dos campos. O proxecto foi ideado por Daniel Sotelo, Sara González, Ruben Lino e Andrés Abal.

O CPR San Miguel de Vigo presentou “Carambelo Food Truck”, unha idea de negocio para satisfacer as principais necesidades alimenticias ao aire libre atendendo ás demandas de cada estación do ano, levada a cabo por Diego Fernández Poszada, Anthia Pereira Álvarez, María Otero Paz, Hugo López Maquieira e Roberto Vázquez Maya. Outro proxecto deste mesmo centro foi o de “Biobike”, que consiste nunha empresa de aluguer de motos e bicicletas eléctricas que promoverá nas cidades contornas máis sostibles. Esta iniciativa foi presentada por Jorge Celada Surís e Carla Blanco Riobó.

As alumnas Claudia Alves Domínguez e Mariana Alves Domínguez, do EFA A Cancela, son as responsables de “Local App”, unha aplicación que funciona a nivel internacional para aumentar a actividade e a visibilidade turística dos pobos.

O noveno dos proxectos é “Octopus Adventurer”, do IES Terra de Turonio, do concello de Gondomar, unha empresa que proporciona unha gran oferta de actividades de ocio dirixidas a persoas afeccionadas a deportes acuáticos e de aventura, ideada por Uxía Paz Alonso, Kevin Manuel Barcia Viera, Alejandro Burguillos Martínez e Luis Fernández Pereira. E, por último, Leyla Rouco Gonda, Óscar Santiago Portilla e Jorge Fernández Rodríguez, tamén do IES Terra de Turonio, presentaron “Blind Runner”. Este proxecto consiste nunha empresa de actividades da natureza que ofrece servizos turísticos para o coñecemento das montañas da comunidade autónoma de Galicia.

O programa DepoEmprende para escolares componse de tres categorías: DepoEmprende na Escola para alumnado de Primaria e Educación Especial, DepoEmprende na ESO para alumnado de Secundaria e DepoEmprende na FP. Na edición deste ano de DepoEmprende participan un total de 22 centros educativos: 9 de Primaria e Especial, 7 da ESO e 6 de Formación Profesional, pertencentes a un total de 14 concellos diferentes da provincia. O alumnado total que forma parte este ano da iniciativa é de máis de 550 alumnos, e pola banda do persoal docente, están implicados preto de 60 profesoras e profesoras.

- Publicidade -spot_img