O Xeodestino presenta o vindeiro venres en Fitur esta credencial con grandes vantaxes para o turista
O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta estará presente un ano máis, e xa van cinco, na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra en Madrid. Será o vindeiro venres, día 21, no stand de Turismo de Galicia, cando unha representación desta agrupación cuxo territorio de actuación abrangue dez municipios (Arbo, A Cañiza, O Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas), presente o seu particular Pasaporte ao Condado Paradanta do cal xa se esgotaron as mil unidades editadas, de aí o lanzamento dunha segunda edición na que se ampliará tanto as empresas participantes como os beneficios para os posuidores do mesmo, ben sexan turistas, visitantes ou a veciñanza que consumen e gozar do turismo e os recursos do territorio, e é que a iniciativa ten como misión atraer e fidelizar tanto a chegada de persoas de fóra da comarca como manter como clientes aos propios veciños.
O circuíto trail, que complementa ao de BTT, será outro dos atractivos dos dez concellos que agrupan a este GDR
Por outra banda, e continuando coa aposta polo turismo deportivo, logo de que na pasada edición se presentase o centro de BTT, agora o GDR Condado Paradanta promocionará neste encontro de turismo internacional o circuíto de trail.
Con todo, haberá tamén mención á oferta enogastronómica e ás festas de interese turístico coas que conta o territorio.