O Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrece aos seus visitantes a posibilidade de achegarse ao mundo da astronomía con actividades e charlas diarias durante todo o mes de agosto

parque-nacional-das-illas-atlanticas-entra-no-top-100-de-destinos-turisticos-sustentables-do-mundoO Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrece aos seus visitantes a posibilidade de achegarse ao mundo da astronomía con actividades e charlas diarias durante todo o mes de agosto

O Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrece desde hoxe e durante todo o mes de agosto unha serie de actividades e charlas divulgativas para achegar aos seus visitantes ao mundo da astronomía. As actividades son de carácter gratuíto e están dirixidas a todos os sectores da poboación, incluído o público infantil, sendo posible a súa realización grazas á colaboración da Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Para poder participar nalgunha destas accións, que se desenvolverán todos os días en varias quendas diúrnas e nocturnas, os interesados poderán inscribirse na propia illa e os grupos organizaranse in situ, co obxectivo de que ninguén quede sen poder participar.

A celebración das actividades prácticas estarán condicionadas pola meteoroloxía e para levalas a cabo, disporase na illa de material óptico de última xeración e equipos electrónicos de radio. Así, contarase cunha zona habilitada á beira do centro de interpretación das illas Cíes na que estará colocado un planetario móbil, prestado pola Fundación La Caixa co fin de poder achegar a astronomía á poboación en xeral nun lugar tan singular como o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O resto de charlas e actividades levaranse a cabo no propio centro de interpretación e no auditorio de Cíes.

A maiores, no centro de visitantes da illa, situado no antigo convento, realizarase tamén unha sesión de astronomía dunha hora de duración para coñecer datos básicos sobre a materia. O obxectivo é que todo o público asistente poida interactuar ou expor as súas preguntas e dúbidas ao respecto.

Así mesmo, durante o segundo fin de semana de agosto e coincidindo coa choiva de estrelas das Perseidas (coñecidas como Lágrimas de San Lourenzo) haberá unha programación especial na zona da Pedra dá Campá, con actividades de astronomía e radioastronomía a partir das 22:00 horas.

Cíes, destino ‘Starlight’

O Parque Nacional das Illas Atlánticas é un destino turístico Starlight desde o ano 2016, de aí a importancia de actividades coma esta, que buscan difundir os valores do ceo nocturno do arquipélago e promover a observación das estrelas desde as illas.

Os destinos turísticos Starlight, avaliados pola UNESCO e recoñecidos pola Fundación Starlight, entidade de ámbito internacional vinculada ao Instituto Astrofísico de Canarias, son lugares visitables que gozan de excelentes cualidades para contemplar os ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para actividades turísticas baseadas neste recurso natural.

O Sistema de Certificación Turística Starlight creouse co obxectivo de fomentar a mellora da calidade das experiencias turísticas e a protección dos ceos nocturnos nos espazos seleccionados. Neste sentido, a certificación Starlight permite axuntar ciencia e turismo a través da astronomía e da visión do firmamento como ferramentas para fomentar unha nova forma de turismo intelixente.

Cómpre lembrar que o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia recibiu a finais de 2015 a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) en recoñecemento ao seu compromiso activo co desenvolvemento dunha actividade turística de calidade. As actividades de observación de estrelas e divulgación astronómica programadas en agosto enmárcanse tamén nos obxectivos da CETS, que busca mellorar a calidade da oferta turística do arquipélago, facéndoa compatible coa conservación dos seus valores naturais.

Neste sentido, desde a dirección do Parque Nacional estase a traballar tamén coas empresas que colaboran na carta para desenvolver produtos turísticos baseados na contemplación do ceo nocturno e as estrelas.

Para iso, está previsto levar a cabo no parque charlas divulgativas e actividades de fotografía de ceos nocturnos; están proxectados cursos de formación para guías así como a elaboración de material divulgativo; e programaranse actividades relacionadas coa observación e protección do ceo nocturno nos seus Centros de Interpretación e sobre o terreo nas illas.

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies